DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Varios espazos do edificio foron o escenario do spot da Consellería de Presidencia

A EUET Forestal acolle a gravación dunha campaña institucional para promover o voto

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 15/12/2008

As urnas electorais, as listas do censo e os documentos de identidade foron os protagonistas esta mañá na Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Forestal. E é que, con motivo da gravación dun spot para unha campaña institucional da Consellería de Presidencia para promover o voto nas vindeiras eleccións autonómicas, a escola converteuse nun colexio electoral simulado. A produtora Mondotropo empregou espazos da entrada da escola e do recibidor para realizar as tomas do anuncio, que pretende incentivar o voto da poboación galega o mesmo día das eleccións ou na súa variante por correo. A cita será en marzo de 2009 e a data exacta coñecerase esta semana, logo de que o Parlamento aprobe dos Orzamentos da Comunidad Autónoma.
Estaba previsto realizar a filmación hai un par de semanas, pero a data foise atrasando en espera de que o bo tempo permitese realizar a gravación no exterior do edificio. Con esta colaboración a escola e a Universidade aportan o seu grao de area na promoción dunha actividade vital da democracia.