DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No VI Fórum Interuniversitario Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal de Persoal Docente e Inves

EURES fomenta o intercambio e o achegamento entre os coordinadores dos mestrados e os servizos públicos de emprego

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
M. Del Río DUVI 02/11/2009

O Fórum Interuniversitario EURES Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal de Persoal Docente e Investigador pon a súa ollada, na súa sexta edición, na inserción laboral dos estudantes de mestrados oficiais. Para iso, este xoves 5 reunirá en Ourense aos coordinadores dos másters da Universidade de Vigo co obxectivo de poñelos en contacto cos servizos públicos de emprego a nivel autonómico, estatal e europeo.
Segundo explica a conselleira EURES da Universidade de Vigo, Emilia Seoane, “do que se trata é de crear un punto de encontro que permita delimitar e establecer as saídas profesionais para os estudantes destes mestrados”, xa que se trata de estudos novos e en moitos casos aínda non teñen unha correspondencia clara nos códigos de ocupacións destes servizos de emprego. Deste xeito, entre os encargados de deseñar os programas de estudos e os intermediarios na busca de emprego poderán deixar claras cales son as saídas para que os futuros titulados poidan inscribirse nestes servizos sen ningunha dúbida.
Ademais, esta xornada servirá tamén como punto de partida para comezar a poñer en marcha a actualización da Guía de Saídas Profesionais no que se refire aos mestrados, xa que, como apunta Emilia Seoane, “xa están saíndo á rúa titulados destes mestrados adaptados ao EEES”. Esta posta ao día, ao abeiro das actividades do EURES transfronteirizo, deberá estar rematada no vindeiro mes de marzo. A idea é que nesta actualización participe un representante de cada mestrado, “o que ofrece a vantaxe de contar coas persoas implicada de primeira man”, destaca, e así, nas guías destas titulacións de posgrao, “xa poderán aparecer recollidas as saídas profesionais, tanto a ocupación como o código”, facilitándolles aos estudantes a inscrición para demandar emprego”. Trátase de que para os estudantes sexa máis doado este trámite á hora de demandar emprego, de cara a dar a máxima visibilidade e promoción a estes titulados da Universidade de Vigo co obxecto de axilizar a súa inserción laboral, nun mercado laboral europeo.
O documento, unha vez actualizado, estará visible tanto no portal da Comisión Europea a través de EURES, como na páxina do EURES Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal e na web da Universidade de VIgo.

O programa da xornada

Este sexto foro desenvolverase este xoves 5 de novembro no Edificio de Ferro e inclúe un relatorio-coloquio, sobre A incorporación dos mestrados universitarios na Guía de Saídas da Universidade de Vigo: presentación dun plan de acción participativo, da man da propia Emilia Seoane.
Posteriormente terá lugar outra ponencia sobre A clasificación nacional de ocupacións. Estrutura a aspectos de interese de cara á intermediación no mercado laboral de titulados universitarios: o caso específico dos mestrados da Universidade de Vigo que impartirá María José Cortés, xefa de Servizo do Observatorio Ocupacional da Dirección Xeral de Formación e Colocación da Xunta de Galicia.
Para pechar a xornada, Teresa González Ventín, coordinadora do EURES Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal, falará sobre O mercado laboral europeo como oportunidade profesional para o egresado universitario: a Rede EURES.