DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na inauguración das III Xeiras sobre Lingua Galega

A eurodiputada do BNG Ana Miranda denuncia no campus a precaria situación na que viven os lectorados de galego

Máis de 200 estudantes pulan polo emprego do idioma en todos os ámbitos

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 09/02/2011
Salarios mileuristas e unha falla absoluta de recursos cos que levar a cabo a tarefa para a que “no mellor dos casos” foron contratados. Así retratou a eurodeputada do Bloque Nacionalista Galego Ana Miranda a precaria situación que están a vivir os lectorados de galego “auténticos embaixadores de boa vontade da Galiza no mundo”, tal como recalcou nas Xeiras sobre a Lingua Galega que, convertidas xa en foro de referencia anual para o análise da lingua, iniciaron hoxe unha terceira andaina avaladas polo habitual éxito de asistentes, superando nesta ocasión os douscentos inscritos.

Co obxectivo de retratar a situación do galego no exterior, a representante do BNG no Parlamento Europeo fixo fincapé na súa intervención no recorte de orzamentos que está a aplicar o executivo galego con respecto aos lectorados “na maior parte dos casos únicos lugares onde poder aprender o idioma e ter contacto coa cultura do país a miles de quilómetros de Galicia”, insistiu, ao tempo que denunciou que o investimento neste tipo de lectorados era no 2008 de 12.000 euros ao ano mentres que no actual orzamento da Xunta esta cantidade se viu reducida á metade, “6000 euros cos que teñen que facer fronte á todo un ano, con todo o que iso implica, dende a organización de actividades ata os gastos correntes como a realización de fotocopias ou a compra de material”.

Creación do Instituto Castelao

Subliñando en todo momento que o galego aínda non é lingua oficial na Unión Europea, “por moito que nos digan o contrario”, Miranda lembrou a necesidade, “tantas veces defendida polo BNG” da creación do que podería chamarse Instituto Castelao, o equivalente galego ao Instituto Ramón Llull de Lingua e Cultura Catalás que, segundo os datos que achegou, conta nestes intres con 93 lectorados e centros en 40 países. “É básico a creación deste centro, igual que é básico dotalo de contidos e orzamentos”, subliñou.

Tamén para achegar ideas sobre a situación do galego no exterior, Miranda estivo acompañada por Silvio Falcón, fundador da Asociación Alba de Gloria de Barcelona, que introduciu no debate o que denominou “nova diáspora galega” en referencia aos “cerebros” que temos espallados por todo o mundo “e que abren un novo panorama á situación da lingua no estranxeiro”, recalcou, ao tempo que lembrou que “canto máis plurilingüe é un país maior aceptación teñen as novas linguas”.

Destino Brasil

As Xeiras iniciaron hoxe esta 3ª andaina co mesmo obxectivo co que naceron hai xa tres anos “amosar que a lingua é un elemento transversal a todo o coñecemento, ben sexa do ámbito científico, humanístico, popular ou litúrxico”, tal como lembrou Iago Varela, responsable dos Comités, a organización estudantil que organiza a actividade.

Xunto a Varela participou na inauguración o vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, que felicitou aos organizadores polo éxito que están a acadar as xornadas “síntoma inequívoco de que isto interesa”, subliñou remarcando que se trata da actividade con máis seguidores entre o estudantado. Remarcando as actuais dificultades para vivir en galego “en Galicia”, o vicerreitor animou ao estudantado a “formarse e informarse e falar en galego sempre e ante calquera”, ao tempo que remarcou as vantaxes dun idioma “que pode abrirvos novos mercados”, en referencia as enormes posibilidades laborais que amosa un país como Brasil, “pois non só en Alemaña se demandan titulados”.

A inauguración contou tamén coa participación de Paulo Cabral, director da Área Normalización Lingüística, que destacou o traballo dos Comités como “magnífico exemplo de xente que traballa con espírito crítico e rigor e cheos de compromiso co país e a lingua”.

O programa das Xeiras continúa ata o venres con propostas de diferentes ámbitos “máis iso si cun eixo común e vertebrador, a lingua galega”, subliñaron dende a organización.