DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor presentou o proxecto en Bruxelas ao funcionariado galego da Unión Europea

Europa abre as súas portas ao Campus do Mar

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 15/12/2010
Proxecto transfronteirizo por definición, o Campus de Excelencia Campus do Mar traspasa fronteiras e ten a súa vista posta en convertese nunha iniciativa continental, que consolide a Vigo como a Universidade do Mar en Europa. Un bo comezo para esta andaina internacional é a presentación do proxecto ao funcionariado galego que traballa nas altas instancias da Unión Europea en Bruxelas, un labor que está a desenvolver o reitor, Salustiano Mato, que se atopa estes días de viaxe na capital belga.

Entre outras xuntanzas e presentación, Mato reuniuse con Ernesto Penas, director de Coordinación e Desenvolvemento de Políticas da Dirección Xeral de Pesca e Asuntos Marítimos da UE e con Mª de los Ángeles González, directora do Instituto Cervantes de Bruxelas. Paralelamente, o reitor participou nunha conferencia-debate na Fundación Galicia-Europa organizada polo Clube DOA, no que se dan cita persoas vinculadas a diversos ámbitos institucionais e profesionais en Bruxelas e que ten por obxectivo reforzar a proxección exterior de Galicia e os seus lazos coa UE.

Segundo o reitor, a acollida do proxecto está sendo moi boa entre o colectivo de galegos, “todos aplauden a idea pero tamén se amosan sorprendidos porque, aínda que lles soaba esta música, non agardaban que se tratara dun proxecto tan desenvolvido, tan claramente definido e sobre todo tan viable”.

Na procura de altofalantes

Como difusores dos intereses de Galicia en Europa, este primeiro contacto preliminar coas institución europeas busca tamén que o funcionariado galego se implique no proxecto e poidan exercer de altofalantes. Así o explica Xavier Queipo, que foi o encargado de presentar ao reitor no coloquio, que incide na idea de que “fagamos de facilitadores da difusión do Campus do Mar, de repetidores que axuden a pasar unha barreira, neste caso institucional”.

Na súa opinión “trátase dun proxecto importante polas súas sinerxías que une as forzas de varias universidades e organismos de investigación, unha boa alternativa de excelencia científica”. Sobre a repercusión que entre este colectivo en Bruxelas está tendo o Campus do Mar, Queipo explica que hai moita expectación e confianza nun proxecto que “estaba xa en moitas cabezas pero necesitaba deste empurrón para concretarse”. Para Salustiano Mato, ademais de dar a coñecer o campus de excelencia, este tipo de iniciativas de presentación tratan de buscar “alianzas estratéxicas e tamén fondos que respalden o Campus do Mar” pero apunta tamén á necesidade de aliñarse cos obxectivos de Europa, en concreto coa estratexia 2020, que propón unha perspectiva para a economía europea de cara a la próxima década con tres grandes motores de crecemento: un crecemento intelixente, a través do coñecemento, innovación, educación e sociedade dixital; un crecemento sostible, con eficiente utilización dos recursos e unha economía máis verde e un crecemento inclusivo, aumentando la taxa de participación no mercado de traballo, a capacitación profesional, a cohesión social, etc.

Presentación institucional en primavera

Froito das xuntanzas que tiveron lugar estes días, nace o compromiso de cara á primavera, probablemente na primeira semana de abril, de presentar o Campus do Mar dun xeito institucional ante varias institucións europeas. Por unha banda, na Dirección Xeral de Pesca a un nivel máis técnico e, por outra, no Instituto Cervantes, “apostando por dar a coñecer a estratexia cultural do Campus do Mar, como potencial transformador social”, explica o reitor. Sobre este evento, Xavier Queipo explica que coincidirá coa inauguración da exposición Neuston, “que une tamén ciencia e humanismo, literatura e artes plásticas e que xa pasou polo Museo do Mar de Vigo” e reúne a quince científicos e quince artistas que tentan que os seus mundos se collan da man.

En definitiva, esta primeira toma de contacto servirá para abrir futuras vías de achegamento do Campus do Mar ao Europa que se irán concretando con futuras actuacións.