DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Participará nun congreso da Axencia Europea para o Desenvolvemento das Necesidades Educativas Especi

Europa toma como referencia á catedrática Ángeles Parrilla en materia de educación inclusiva

Supón un recoñecemento a unha investigación da Universidade comprometida coa realidade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 08/02/2012

O labor investigador da Universidade de Vigo volve a ser recoñecido en Europa. O proxecto pioneiro de educación inclusiva levado a cabo en A Estrada da man da catedrática de Didáctica e Organización Escolar da Universidade, Ángeles Parrilla, acaba de ser escollido pola Axencia Europea para o Desenvolvemento das Necesidades Educativas Especiais como un referente internacional de boa práctica investigadora. Parrilla presentará as bases e as primeiras conclusións do seu estudo nun congreso mundial que se celebrará en Bruxelas na primeira semana de marzo. “Esta axencia europea, que atende á diversidade educativa nas aulas, púxose directamente en contacto con nós para que compartamos a nosa experiencia cos demais expertos”, comenta Parrilla.

Este proxecto defende a igualdade de oportunidades educativas para todos os nenos e nenas, independentemente da orixe social, da cultura, da etnia, da relixión, da capacidade, do xénero... Está financiado polo Ministerio de Educación e lidérase dende a Universidade de Vigo en colaboración coas de Sevilla e Cantabria. Esta iniciativa será probablemente a única investigación española do encontro no que tamén se presentará un estudo a nivel europeo sobre as necesidades formativas dos docentes en materia de educación inclusiva. Como destaca a catedrática, esta elección por parte da axencia supón un recoñecemento a un labor investigador da Universidade comprometido coa realidade. “Á investigación educativa sempre se lle criticou a súa falta de conexión coa práctica. Neste caso desenvolvemos un proxecto participativo que non analiza a realidade, senón que traballa con ela”, engade. Considera que o proxecto supón unha verdadeira transferencia de coñecemento “sendo válido tanto científica como socialmente” que pon en valor o esforzo e dedicación de todas as persoas que participan no estudo.

De visita en Pontevedra

A Axencia Europea para o Desenvolvemento das Necesidades Educativas Especiais xa coñecía con anterioridade este proxecto innovador. No pasado mes de maio algúns dos seus máximos representantes viaxaron a España para analizar o modelo escolar do país no referido á inclusión “reuníndose na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus”. A axencia aproveitou a súa estancia para visitar á Estrada “polo que os seus membros puideron falar directamente cos nenos e nenas, docentes, pais e nais que forman parte desta iniciativa”.

Nestes momentos o proxecto está a piques de iniciar a súa terceira fase de desenvolvemento. Xa superou unha primeira etapa na que os colexios debían avaliar as súas carencias en materia de educación inclusiva cun plan de mellora para continuar coa creación dunha rede intercentros na que compartir experiencias. Pero, para que o proxecto se consolide, falta o apoio do contexto local, da sociedade, “expandindo o concepto de inclusión máis aló das paredes da aula”, sinala Parrilla.