DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Debateron en CC da Educación e do Deporte para a RG tras a presentación do libro "Fútbol de base"

Eusebio e Lotina apostan pola canteira como modelo e non como solución circustancial dos seus clubs

Foron convidados polos profesores Luis Casáis, Carlos Lago e Eduardo Domínguez

Etiquetas
  • Pontevedra
Esmeralda L. Castro DUVI 12/03/2010
Cal é o estado da canteira do fútbol galego? A súa promoción é froito da casualidade ou da crise dos clubs? Hai calidade ou hai cantidade? Hai unha estratexia concreta para ela? A estas e outras preguntas do locutor Raúl Villares responderon onte os adestradores do Deportivo e do Celta, Miguel Angel Lotina e Eusebio Sacristán, nun programa especial da Radio Galega emitido en directo desde a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Os adestradores do Deportivo e do Celta foron convidados polos profesores Luis Casáis, Eduardo Domínguez e Carlos Lago, con motivo da presentación do seu libro Fútbol de base: El entrenamiento en categorías de formación, editado por MC Sports. Ambos os dous coincidiron en que hai calidade nas canteiras do fútbol galego e que constitúen a súa aposta como modelo de futuro, máis alá das circunstancias económicas dos seus respectivos clubs.
Lotina, que avanzou que acababa de asinar a súa renovación, admitiu que hai anos a canteira era secundaria e tiña as portas máis pechadas no seu equipo que no Celta, pero asegurou que estaba adquirindo máis protagonismo e que o público comeza a agradecer que haxa xogadores galegos. “Danse unha serie de condicións e circunstancias que lles permitiron aos xogadores da canteira mostrarse”, dixo Eusebio ao respecto, que pensa que o futuro do fútbol galego está amparado polos xogadores da casa. “É unha dinámica xeral do fútbol español, que fai que os xogadores se sintan máis identificados e comprometidos co club e que os afeccionados sintan máis súas as cores do equipo”, comentou.
Á pregunta de se os seus respectivos equipos tiñan un modelo de canteira, o adestrador do Deportivo respondeu que se “está facendo un bo traballo nesa dirección, aínda que sexa moi recente”, para o que se mira a equipos como o Barça, o Betis, o Athletic de Bilbao ou o Osasuna. Eusebio subliñou a filosofía de captación e a metodoloxía de traballo destes clubs, o que facilita o acceso da canteira aos primeiros equipos, e indicou que esa é a liña de traballo que busca o Celta, comezando dende a base.

Poder de atracción dos grandes

Os dous adestradores citaron como principal atranco o poder de atracción dos grandes, o Real Madrid e do FC Barcelona. “Cando un pai ten un fillo bo de 14 ou 15 anos coa oportunidade de ir ao Barça ou o Madrid, prefire iso a que quede aquí noutro equipo, malia que sabe que o vai perder como fillo”, apuntou Lotina. O adestrador do Deportivo considera que un rapaz debe pasar o seu período formativo preto do núcleo familiar. “A formación humana é máis importante que a deportiva e moitos volven a casa sen acadar o éxito con 19 anos, totalmente descoñecidos e sen ningunha madureza”. Para evitar isto Lotina propuxo limitar a idade de federación aos 16 anos. A respecto disto Eusebio opinou que “o mellor é que se formen aquí, porque se teñen talento, logo xa se abrirán camiños para ascender”. Sinalou a necesidade dunha maior igualdade nas idades temperás, para pasar logo a competir en categorías superiores e acadar así unha maior competitividade.

Unha folla de ruta para os técnicos do fútbol de base

Na presentación do libro, Luis Casáis destacou o senso práctico do volume, “pensado para ser unha folla de ruta para os adestradores en todas as categorías do fútbol de base”. Pola súa parte, Eduardo Domínguez sinalou que “non busca establecer receitas, senón ser unha guía metodolóxica para os técnicos”. Carlos Lago fixo un chamamento á igualdade de oportunidades, para que os bos xogadores do fútbol de base teñan a oportunidade de chegar aos primeiros equipos.
“O fútbol profesional é un escaparate bonito e quizais sexa o obxectivo de moitos, pero o máis importante é o fútbol formativo, que merece unha análise como a que se lle dá neste libro”, dixo Eusebio, quen quixo remarcar a importancia de “formar persoas e non só deportistas”. Nese sentido quixo subliñar o labor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte: “ese é o ánimo deste centro, que esa formación tanto humana como deportiva sexa a mellor posible”.
Lotina lembrou os seus comezos no fútbol de base e a ausencia de libros de referencia naquel momento. “Estaba obsesionado por coller libros e sempre que saía algo novo ía correndo a buscalo”, afirmou. Subliñou os avances na maneira de entender a figura do adestrador, no que destacou a contribución da chegada de técnicos estranxeiros, “sobre todo holandeses e tamén ingleses, alemáns ou franceses”. “Antes había moitos Floros, para os que todo era táctica, pero afortunadamente hoxe calquera adestrador de alevíns ou xuvenís está moito máis preparado”, opinou.
Con relación ao incremento de recursos cos que os nenos comezan agora a xogar ao fútbol Eusebio dixo que isto fixera perder “a imaxinación, a picardía e a técnica que se adquirían xogando en calquera parte”. “Agora todo é máis dirixido e aí é onde debe haber unha reflexión no fútbol de base”, concluíu.
Os dous adestradores estiveron acompañados por membros dos equipos técnicos dos seus respectivos clubs, así como do Pontevedra CF. O evento congregou a outros profesionais do mundo do fútbol e ao alumnado das titulacións deportivas da facultade, que tamén interviñeron no debate.