DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O selo de Esdemga volve subirse á pasarela da Mercedes Benz Fashion Week Madrid

Eva Soto acentúa o volume no Ego de Cibeles

A cambadesa presentou unha colección na que mestura tradición xaponesa con construcións arquitectóni

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 04/09/2012

O talento Esdemga, Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galiza, volveu desfilar de novo no Ego de Cibeles. Desta volta, a deseñadora Eva Soto, alumna da terceira promoción que rematou os seus estudos en 2009, mostrou este luns a súa colección de primavera-verán 2013 na plataforma de novos deseñadores da Mercedes Benz Washion Week Madrid, presentando 18 pezas cargadas de volume grazas ao emprego do origami, unha técnica xaponesa de pregado de papel na que Soto está especializada e coa que consegue captar a atención do espectador. Confesou sentirse “satisfeita” cos resultados conseguidos e engadiu que estar entre os dez debutantes do Ego “xa foi todo un logro”.

O seu xogo de xeometrías con volumes en distintas partes dos deseños encheu de grandeza a pasarela durante o desfile das súas 18 propostas, logrando construcións arquitectónicas grazas aos pregados e ás transformacións dos tecidos. Unha das características máis relevantes da colección é o elemento textural, que xera en cada estilismo “máis de 6000 dobreces”, empregando organdí suízo tinguido de forma artesanal, distintos panos, entretelas de papel, bordados a man e algúns toques de acuarela. A súa condición de artista e de deseñadora marca cada unha das súas propostas xa que ademais de Esdemga, tamén cursou a titulación de Belas Artes, de aí que conciba a moda “cun espírito artístico, senón as creacións non son máis que unha mera confección”.

Unha carreira prometedora chea de recoñecementos

Antes de rematar a súa formación en Esdemga en 2009, esta deseñadora de 27 anos xa gozou do favor da crítica cando en 2008 obtivo o segundo premio do Certame Galego de Creadores Novos de Moda, Tesoira. En 2010 tamén se fixo co primeiro premio ao mellor complemento e ao mellor traxe de baño na Mostra Nacional de Novos Deseñadores de Cantabria e en 2011 gañou no Concurso Internacional de Vestidos de Papel, no Concurso Nacional de vestidos de papel de Mollerussa (Barcelona) e no Concurso de Novos deseñadores de Noiva organizado por FIMO.

Así mesmo, dada a súa condición de artista, Soto tamén dedica moito do seu tempo a confeccionar pezas para exposicións que recorreron diversos puntos de España. Non obstante, consciente da situación económica actual e da complexidade do sector da moda, esta cambadesa non descarta outras alternativas laborais e ampliou os seus estudos recentemente co Máster Universitario de Profesorado na Universidade de Vigo xa que o mundo da ensinanza lle “apaixona” e non lle desgustaría dedicarse profesionalmente a elo.

Así, no pasado curso, a propia Eva Soto impartiu na Facultade de Belas Artes un curso sobre a arte xaponesa do origami enmarcado dentro da programación de Debut 2011. Compartiu cos alumnos e alumnas de Esdemga a súa paixón e destreza por esta técnica e amosoulles algúns trucos para que, dunha forma sinxela e rápida, puidesen enriquecer os seus deseños e enchelos de volume. “O origami baséase na papiroflexia, prescindindo de tesoiras e pegamento para empregar só papel e mans”, explicáballes aos estudantes. Para aprender a técnica “as primeiras prácticas deben facerse con papel” e, aínda que pode resultar “moi matemática e cuadriculada”, sinalou que non precisa coñecementos previos, “pois soamente fai falla un pouco de habilidade nas mans, papel, tela e tesoiras”.