DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acollerá un curso sobre as claves de éxito na preparación de competicións

Nos eventos deportivos tamén xoga a organización

Sendeirismo e maratóns serán algunhas das modalidades nas que se afondará

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 07/03/2013

A Marathon Des Sables, a Carreira Popular da San Martiño ou a Volta Ciclista a España son grandes eventos deportivos que mobilizan a moitas persoas e que requiren un inxente despregue de recursos de moi diverso tipo. A súa preparación é complexa e o éxito depende en boa medida de que a engrenaxe da organización funcione axeitadamente. Para falar das claves de éxito na xestión de acontecementos deste tipo, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo acollerá os días 22 e 23 de marzo e o 5 e 6 de abril un curso no que os responsables de destacadas citas deportivas explicarán o seu traballo antes, durante e despois das competicións.

“O ano pasado celebramos a primeira edición deste curso e debido ao éxito obtido decidimos repetilo este ano. A idea é continuar afondando desde un punto de vista práctico en como se organiza un evento deportivo, sexa cal sexa a súa modalidade e o seu tamaño”, explica o docente Patricio Sánchez, organizador da iniciativa no marco do grupo en xestión empresarial do deporte da facultade ourensá. Para dar esta visión práctica, que complemente á análise máis teórica que se ofrece no Máster de Xestión Empresarial do Deporte que se imparte na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, destaca Patricio Sánchez, o curso contará coas intervencións de máximos responsables dun abano diverso de acontecementos deportivos. “Eles serán os encargados de relatar o traballo que leva antes, durante e despois a súa organización e desenvolvemento”, apunta o docente.

Variedade de competicións

Concretamente nesta edición os participantes poderán coñecer de primeira man a organización dos Xogos do Mediterráneo Tarragona 2017 e a candidatura Tanger 2021; o Campionato do Mundo de Natación Barcelona 2013; a Volta Ciclista a España; partidos do F.C. Barcelona; a Marathon Des Sables; a Vig-Bay: Medio Maratón Gran Bahía; a Pantin Classic Pro; a Carreira Popular da San Martiño e Sendeirismo Urbano: OcioOurense 2013. “No programa deste ano unha das cousas que destaque é o tema das maratóns e do sendeirismo, que agora mesmo están moi de moda e cada vez son practicados por máis xente”, subliña Patricio Sánchez.

O curso, que conta con 25 prazas, está dirixido especialmente ao alumnado da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense, así como ao resto de membros da comunidade universitaria. Tamén está aberto a todas aquelas persoas interesadas en temas relacionados co deporte e coa actividade física e seguidores dos acontecementos deportivos que se presentarán. O importe da matrícula é de 25 euros para alumnado da Universidade de Vigo e de 49 para persoas alleas á comunidade universitaria.