DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado do campus realiza unha acción de prevención viaria nun céntrico paso de peóns

Para evitar ser atropelado "pense, decida e actúe"

Entre os anos 2005 e 2010 producíronse 68.000 accidentes deste tipo en España

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 13/03/2012

Os numerosos peóns que cada día cruzan na cidade de Ourense a rúa Curros Enríquez na confluencia coa rúa Samuel Eiján tiveron na tarde do martes un protagonismo especial. Foron os partícipes involuntarios dunha acción do Proxecto Peón, de concienciación dos viandates para evitar os atropelos. O alumnado do V Curso de Extensión Universitaria sobre Mobilidade e Prevención para a Xuventude do campus de Ourense foi o encargado de repartir folletos informativos sobre a prevención neste eido e de realizar un pequeno estudo in situ sobre a conduta dos peóns. Os resultados do seu estudo foron contundentes.

Durante os 25 minutos que estiveron observando aos viandantes, os 20 alumnos muestrearon 482 persoas. Delas 126 cruzaron co semáforo vermello, 68 fixérono fóra do paso de peóns e 14 usaban elementos distractores mentres o facía, como teléfonos móbil ou cascos. Se fosen multados polas súas infraccións a conta ascendería a 15.760 euros. Unhas cifras que en opinión dos responsables da iniciativa evidencian a importancia de actuar neste eido e de facer consciente a cada peóns de que “pense, decida e actúe” para evitar un accidente.

Traxedia evitable

“O obradoiro inclúe varias unidades didácticas e talleres prácticos sobre a prevención de accidentes de tráfico entre a mocidade. Chegados á metade do obradoiro, quixemos realizar este taller informativo e de análise das condutas peonís na cidade en colaboración coa Asociación de Mobilidade e Prevención de Accidentes de Tráfico, P(A)T Galicia e coa Concellería de Seguridade do Concello de Ourense, que facilitou a edición de 500 folletos informativos con consellos de seguridade viaria”, explica Angélica Ferro, responsable do Gabinete Psicopedagóxico do campus de Ourense que organiza este obradoiro.

Segundo datos ofrecidos durante o acto por Maxi Cid, responsible de P(A)T, un recente estudo pon de manifesto que entre o 2005 e o 2010 houbo en España 68.000 atropelos nos que faleceron 3300 persoas e outras 13.500 resultaron feridas. “Detrás desta traxedia hai causas tan correxibles como cruzar polo lugar axeitado na rúa. Os atropelados son xente que fai cousas tan cotiás como ir mercar o pan ou buscar aos netos ao colexio. Agora mesmo é a principal causa de morte en vías urbanas, o cabalo de batalla para a Dirección Xeral de Tráfico”, apunta Cid.

Para axudar nesta causa, os viandates pouideron nesta ocasión coñecer dun xeito próximo e directo, da man dos universitarios, a gran cantidade de atropelos urbanos que se producen e escoitar consellos, como ter en conta o silencioso que son os vehículos eléctricos e que dificultan a rapidez de reacción dos peóns.