DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Diego Germade gaña o concurso de ideas para a execución dun mural nas paredes da instalación

Evocacións do movemento sobre o formigón do Pavillón Universitario

Este estudante recibirá un premio de 2000 euros e disporá ata o 30 de xuño para executar a obra

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 30/04/2014

O Pavillón Universitario verá renovada por completo a súa faciana antes do 30 de xuño coa execución do mural deseñado polo alumno do Máster en Arte Contemporánea. Creación e Investigación Diego Germade, gañador do concurso de ideas convocado pola Vicerreitoría do campus para dotar dunha nova faciana a esta instalación deportiva. A través da abstracción, este arquitecto buscou no seu proxecto Dinamograma Urbano plasmar unha "unidade mínima que expresase o movemento", coa que deseñar o patrón que nas próximas semanas plasmará en dúas das paredes do edificio.

En total, presentáronse unha ducia de proxectos a este certame aberto ao alumnado do campus e dotado cun premio económico de 2000 euros. Finalmente, o xurado composto por representantes da Vicerreitoría, da Facultade de Belas Artes e do Servizo de Deportes, acordou conceder o galardón a Germade. Dado que o tema do mural debía xirar arredor da actividade deportiva, o autor optou por non centrarse nun deporte en concreto, senón tratar de reflectir “algo que une a todos os deportes, como é o movemento e o dinamismo” e, ao mesmo tempo, recoller “os valores de sociabilidade e compañeirismo que transmite”, a través da repetición a diferentes escalas dun patrón co obxectivo de “expresar a idea de varias persoas compartindo actividade”.

A inspiración para este deseño foron os estudos cronofotográficos realizados a comezos do pasado século por Étienne Jules Marey, co obxectivo de “desintegrar o que é a secuencia do movemento humano nas súas unidades mínimas”. A idea parte “dunha imaxe fixa que evoca o movemento” que transmitían fotografías de Marey, que logo o artista Georges Demeny “traducía a diagramas, no que era case un estudo antropolóxico das fases do movemento”. Ese foi o punto de partida de Germade "sobre o que investigar” co obxectivo de crear un deseño abstracto que expresase ese movemento e “consideralo unha pauta a repetir en toda a superficie, superpoñéndoo a distintas escalas”.

Un deseño “tatuado” no formigón
A fachada de 46 metros de longo por 2,60 de alto na rúa Padre Gaite e o muro de máis de 30 metros de longo e altura variable da rúa Cruz Vermella eran os dous espazos aos que se tiñan que circunscribir os proxectos neste concurso, no que tamén se valoraba a integración do deseño proposto coa contorna. Con ese obxectivo, Germade avogou porque o seu patrón se plasmase directamente sobre o formigón, coa idea de que “o formigón se integrase na intervención artística como un material máis” e que os seus deseños quedasen integrados nas paredes “como algo epidérmico, como algo tatuado no edificio”, de tal xeito que non se producise unha ruptura entre os muros nos que se vai instalar este mural co resto da construción.

A extensión dos muros nos que Germade deberá plasmar a súa proposta antes do 30 de xuño foron para este artista “un reto e unha oportunidade” ao mesmo tempo. Un reto porque “a cantidade de superficie a pintar supuñan un condicionante importante para o deseño, que obriga a afinar bastante, xa que do contrario pódese disparar o orzamento de execución”, limitado nas bases do certame a un máximo de 5000 euros. Pero tamén unha oportunidade por pode exhibir a súa creación “nunha zona bastante transitada, tanto por peóns como por tráfico rodado”. Neste senso, Germade buscou que o patrón deseñado permitise “que a imaxe global se percibise como un continuo”, de tal xeito que “suturase todas as interrupcións que hai na percepción”, provocadas polas árbores que se atopan diante dos muros ou pola imposibilidade de ver de xeito simultáneo os dous muros nos que se acometerá este mural.