DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un informe elaborado por investigadores do campus de Ourense

A evolución das empresas familiares durante a crise foi homoxénea nas diferentes provincias galegas

Este comportamento contrasta co acontecido a nivel xeral no tecido produtivo

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
DUVI 13/03/2017

A Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo, liderada desde a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, vén de facer público o seu informe Recuperación da empresa familiar: análise provincial. Nel avalíase a variación da cifra de ventas ao largo do período de crise, realizando unha comparativa entre provincias e entre empresa familiar e non familiar. As conclusións apuntan a que a evolución das empresas familiares é máis estable e homoxénea nas diferentes provincias que as non familiares.

A elaboración do documento, feito empregando a base da datos desta cátedra, correu a cargo do investigador Alejandro Domínguez, coa supervisión de Santiago Lago e Elena Rivo, responsables desta Cátedra de Empresa Familiar. Entre as conclusións deste estudo están que “o comportamento das empresas familiares durante o período analizado foi territorialmente homoxéneo, sen distincións provinciais relevantes, a diferenza das empresas non familiares, que obteñen resultados moi dispares”. A evolución das empresas familiares, indícase no documento, “é máis estable e con menos altibaixos, mentres que a das empresas non familiares é moi irregular (períodos de crecemento seguidos de grandes depresións)”. Tamén se sinala a existencia dunha gran diversidade na evolución das empresas galegas durante a crise.

Tres grupos de análise

O período de estudo da análise abrangue desde 2006 ata 2015, último ano con datos actualizados para o conxunto de empresas analizadas. Nos resultados avalíase de xeito diferenciado o 10% das empresas con mellores resultados en ventas, o 10% con peores e o 10% con comportamento máis próximo ao promedio. Sobre as empresas situadas no centro da mostra, o documento apunta a que “no caso das empresas familiares, todas as provincias evolucionan de forma similar á media de Galicia”. Aínda así, matiza, “podemos detectar certas diferenzas interprovinciais”. A primeira, indícase, fai referencia ao momento de estalido da crise, xa que para Pontevedra e Lugo sitúase en 2008 mentres que para A Coruña e Ourense (así como para a media galega) o maior impacto prodúcese en 2009. Segundo os expertos, posteriormente, as empresas familiares comezan un período de recuperación ata o ano 2011, cando todas as provincias salvo Lugo alcanzan variacións positivas. “En 2012 prodúcese un segundo impacto que castiga de forma máis severa ás empresas familiares. Nesta segunda caída, a provincia de Lugo, que arrastra cifras negativas desde 2008, acusa un menor descenso, mentres que a da Coruña obtén a cifra máis baixa do total da mostra”, indícase no estudo. “Tras esta gran caída de 2012, prodúcese unha fase recuperación, destacando Pontevedra como a única provincia que reduce a súa taxa de variación de 2014 a 2015”, recolle o documento. “Se realizamos unha comparativa coas empresas non familiares, destaca a irregularidade na evolución das segundas. Nas empresas non familiares existe unha gran disparidade interprovincial, a diferenza da evolución simétrica da empresa familiar”, recalcan os investigadores do Grupo Gen.

Polo que respecta ao comportamento do 10% das empresas que obtiveron mellores resultados, o documento recolle que “as empresas familiares compórtanse de forma moi homoxénea ao redor da media de Galicia. No período inicial da crise, indícase no estudo, este tipo de negocios "non sofren moito o impacto". No período 2006-2011 albíscase unha etapa de recesión e crecemento co seu punto máis baixo en 2009. No ano 2012 prodúcese o punto de inflexión: Pontevedra reduce de novo a súa taxa de variación ata o 3% (igual que a media); A Coruña acusa menos o golpe, manténdose nun 5%; Ourense e Lugo sofren máis esta caída, cunha taxa do 0% para a primeira e -1% a segunda, detállase no informe. Posteriormente, engaden os expertos, “prodúcese un período de forte crecemento ininterrompido, obtendo todas as provincias en 2015 cifras moi superiores ás de 2006”. Realizando a comparación coas empresas non familiares, continúa a tendencia de que as empresas non familiares evolucionan de forma máis irregular. “Desta comparativa cabe destacar que, en termos xerais, os datos das empresas familiares son mellores que os das non familiares, principalmente se nos centramos no período de crecemento 2012-2015”, apúntase no informe.

Por último, sobre o comportamento do 10% das empresas con peores resultados, o documento sinala que “as empresas familiares evolucionan, igual que o observado anteriormente, de forma homoxénea ao redor da media. O perfil é similar ao das empresas situadas na parte central, pero a un nivel de resultados peores”. No período estudado, detallan os expertos, prodúcese unha caída nos anos 2008 e 2009, seguidos dunha recuperación ata 2011. Tras iso, comeza un período de crecemento que, como excepción para este subgrupo, parece estabilizarse e mesmo reducirse en 2015, segundo subliñan os expertos.