DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un libro da profesora Susana Rodríguez repasa o traballo lexicográfico da institución

A evolución ideolóxica da RAE, a través dos cambios nas definicións dos seus dicionarios

O estudo comprende o período que vai dende 1726 ata 2006

Etiquetas
  • Vigo
M. Del Río DUVI 10/12/2008

A evolución ideolóxica da Real Academia Española ao longo dos últimos séculos pode verse reflectida no cambio nas definicións de algunhas das palabras que se inclúen nos seus dicionarios. Baixo esta premisa, a profesora do Departamento de Lingua Española, Susana Rodríguez, fixo un estudo que percorre os últimos 300 anos da institución e que sae á rúa da man do Servizo de Publicacións. Baixo o título La realidad relativa, este libro afonda no traballo lexicográfico da RAE dende 1726 ata 2006 para comprender a evolución da lingua pero tamén os avances culturais que, a través dela, se manifestan.
A polémica xurdida unha vez legalizados os matrimonios homosexuais coa definición de matrimonio (unión entre home e muller...) foi a que levou á profesora Susana Rodríguez a emprender o longo camiño desta investigación. Este traballo levouna a revisar as sucesivas edicións dos dicionarios da RAE dende a publicación en 1926 do Diccionario de Autoridades. Neste percorrido a autora atopouse con definicións como Mahometano: "lo que pertenece a Mahoma y su detestable secta" ou Ateísmo: "secta u opinión impía de los que niegan la existencia de Dios...", definición de 1770. Pero non só a relixión inflúe nas definición, o contexto social e político, sobre todo ao longo do século XX e nos principios do XXI son os factores máis claramente detectables. Anarquía en 1852 era definida como "estado que no tiene cabeza que le gobierne. Falta de gobierno legítimo y respetado". En 1936-1939 a RAE definiu Izquierda: "hablando de colectividades políticas, la más exaltada y radical de ellas y que guarda menos respeto por las tradiciones del país. Torcido, no recto." Por outra banda, si en 1956 un homosexual era un "sodomita", en 1970 pasou a definirse como "persona que tiene relación carnal con otra del mismo sexo" e familia pasou de ser “gente que vive ne una casa bajo la autoridade del señor de ella” a ser en 1970 un “grupo de personas emparentadas entre sí que viven juntas la autoridad de una de ellas”, eliminándose esta última parte en posteriores edicións.

Obxectivos

O propósito deste estudo é documentar a influencia de factores extrínsecos á propia técnica lexicográfica, como a realidade política, social e relixiosa e os propios círculos familiares e persoais dos redactores dos dicionarios e a evolución desta. Segundo explica a súa autora na introdución da obra “o seu traballo delata o seu proceso vital, as súas experiencias e, en definitiva, a súa percepción privativa da sociedade”. No caso da Real Academia Española, o seu traballo estivo tradicionalmente vinculado “aos grupos que ostentaban o poder político, relixiosos e social, co que a cosmovisión dos redactores coincidía en parte coa ideoloxía da que participa a elite, polo que o estudo da produción lexicográfica desta institución pode revelar aspectos de grande interese para o debuxo da sociedade española”, explica.
Con todo, segundo a autora este estudo non ten como finalidade “proscribir ou demonizar as tendencias de pensamentos que se reflicten nos repertorios publicados pola RAE”, senón que o obxectivo da investigación é descritivo dando constancia da presenza de elementos ideolóxicos tendo en conta que o concepto que temos na actualidade dos dicionario non estaban debuxados do mesmo xeito tres séculos atrás. Deste xeito, no seu libro Susana Rodríguez tenta valorar a influencia que exerce a palabra sobre a nosa concepción da realidade, ou ben, se é a realidade a que inflúe “na constitucións significativa da palabra”.
Para isto, as verbas elixidas pertencen prioritariamente ao eido da relixión, da moral, da política e da sociedade.

Conclusións

Se ata o século XIX as influencias eran principalmente marcadas pola ideoloxía relixiosa, de aí en diante pasaron a ser derivadas do ámbito político e xa, a partir de mediados do século, tamén de tipo social.
Segundo afirma a profesora nas súas conclusións, a lexicografía aspira a ter un estatus de ciencia e os dicionarios deberían proporcionarnos unha imaxe do mundo carente da marca que “delata filias e fobias do perceptor e transmisor, pero a obxectividade é certamente unha utopía e sempre existirá nas definicións algo que evidencie que se trata dun traballo intelectual humano”.