DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sheila Pazos inaugura "¿Que pasa ahí fuera?" o vindeiro venres 5 de marzo

Unha ex alumna de Belas Artes presenta a súa primeira exposición individual na galería Metro de Santiago

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Esmeralda L. Castro DUVI 03/03/2010

Sheila Pazos, ex alumna da Facultade de Belas Artes, que rematou a licenciatura en 2009 con Premio Fin de Carreira, inaugura o vindeiro venres día 5 de marzo a que é a súa primeira exposición individual na galería Metro de Santiago de Compostela. Co título ¿Que pasa ahí fuera?, presenta unha escolla multidisciplinar do seu traballo, con fotografías, pinturas, obxectos e vídeos que indagan sobre a relación do home coa cidade e que poderá verse ata o 14 de abril. Para os responsables da galería, Eva Morquecho e Javier Blanco, “esta artista é un claro exemplo do bo momento que está vivindo a arte máis nova”.

Xogos de escala e cor no espazo urbano

Facendo un despregue de frescura e enxeño, Sheila Pazos propón nas súas pezas diferentes xogos co espazo urbano. “Desde sempre interesoume traballar coa relación do home coa cidade e, mentres que nas miñas primeiras obras a cidade dominaba ao home, nas actuais o home domina a cidade”, explica a artista. Para conseguir isto emprega a paisaxe urbana, cos seus enormes bloques de formigón e as súas grandes extensións de asfalto, como telón de fondo gris anegado pola cor de personaxes sobredimensionadas. Experimenta así con xogos de escala e cor para, tal e como indica a propia creadora, “contrapoñer a frialdade da cidade á calidez do humano e do vivido”.

Obxectos imposibles extraídos do cotián

Para as súas pinturas non emprega soportes tradicionais, polo que na mostra poden verse traballos realizados sobre botóns e garabatas xigantes creadas ex profeso, conformando unha serie de obxectos imposibles.
No caso dos vídeos, presenta outro xogo entre o espazo doméstico interior e o exterior urbano. “Emprego a técnica stop motion para introducir pinturas a modo de representacións esquemáticas de elementos da cidade, situados sobre obxectos domésticos”, describe a artista. Con isto Sheila Pazos consegue converter a cidade en fogar e que o mobiliario urbano invada o espazo doméstico. Sitúa ao espectador ante recunchos imposibles, pero á vez extraídos do cotián, invitándoo a usar a imaxinación e a achegarse ao mundo, crible e fantástico á vez.
Na súa curta traxectoria, Sheila Pazos ten participado nunha trintena de mostras colectivas, que inclúen espazos como a propia galería Metro, a galería Sargadelos, a Facultade de Belas Artes, o Museo de Pontevedra, a sala madrileña Latinarte, Espacio Atlántico ou Art Madrid. Obtivo o 1º Premio de Videocreación no Gz Crea 2008, en 2009 acadou unha bolsa Novos Valores da Deputación de Pontevedra e quedou finalista no Certame Arte Joven Latina de Fotografía.