DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 19 ao 23 de setembro

A ex alumna de Esdemga, Alba Blanco, presenta a súa nova colección no "Ego de Cibeles"

Xa participara na última edición da pasarela madrileña

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Ana Terceiro DUVI 16/09/2008

Alba Blanco, alumna graduada na primeira promoción da Escola Superior de Deseño Téxtil e Moda de Galicia, Esdemga, participará na vindeira edición da pasarela madrileña O Ego de Cibeles. A nova deseñadora, que xa amosara o seus traballos na recoñecida pasarela, exporá a súa nova colección no showroom que se organiza todos os anos paralelo aos desfiles. Trátase dunha sala onde os artistas contan cun espazo propio para mostrar as súas obras ao público e á prensa especializada. “É un paso moi importante na súa carreira profesional”, comentou a directora de Esdemga, Lola Dopico, ao que engadiu que “significa presentar as súas pezas ante un escaparate internacional que lle posibilita vender e recibir encargos de múltiples empresas que cada día visitan Cibeles”.
A nova promesa do deseño xa se atopa na cidade madrileña para preparar os últimos detalles da súa colección que exporá ante os ollos de profesionais, tanto nacionais como internacionais, do 19 ao 23 de setembro.

Dous anos seguidos en Cibeles

En menos de un ano, Alba Blanco pasou de amosar os seus deseños no desfile Debut’ 07, que organiza Esdemga, a participar por segunda vez no evento de moda máis importante a nivel nacional, un escenario caracterizado por acoller as propostas dos artistas máis creativos e dos deseñadores máis prestixiosos neste eido.
Na pasada edición do Ego de Cibeles, esta destacada alumna xa colaborara na pasarela xunto a Amai Rodríguez e Menchu Mora, tamén alumnas da escola, que amosaron doce estilismos cada unha cos que sorprenderon gratamente aos asistentes.

Esdemga, unha escola que despunta

En plena semana da moda pontevedresa coa pasarela Pontus Veteris, a Escola Superior de Deseño Téxtil e Moda de Galicia xa é un referente neste eido dentro da comunidade galega. Con apenas cinco anos de existencia, o centro que cada ano forma a futuras deseñadoras ve como as súas alumnas acadan facerse un oco no mundo profesional, “algo moi importante para Esdemga, xa que todo o que sexan acontecementos deste tipo significa que os nosos estudantes estanse formando ben e que se están asentando no sector”, apuntou Lola Dopico.