DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A deseñadora foi a gañadora de Debut’08

A ex alumna de Esdemga, Marta Montoto, presentará os seus deseños en El Ego de Cibeles

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Camino Carballeira DUVI 06/02/2009

Esdemga xa ten un sitio propio en Cibeles. Por terceiro ano consecutivo a escola de Estudos Superiores de Deseño e Moda de Galicia estará representada na sección El Ego da pasarela. Desta vez a escollida foi Marta Montoto, que levou o primeiro premio en Debut’08 cun estilismo inspirado no filme Les enfants terribles.
O día, o 20 de febreiro. O lugar, a sala Neptuno do IFEMA. A hora, as 13.00. Esas son as coordenadas que actualmente guían o pensamento da nova deseñadora que confesa estar “moi contenta, ilusionada e tamén nerviosa” mentres ultima os detalles do desfile. Constará de dezaseis estilismos masculinos xa que, segundo explica “os mozos encaixan moi ben no concepto do meu deseño”. En liñas xerais, as pezas que se presentarán responden aos mesmos motivos que os que presentou en Debut’08, aínda que introducirá pequenos detalles “para facer as prendas máis poñibles, máis comerciais”. O punto é un dos aspectos que define a confección dos seus deseños, pero para El Ego introducirá “máis texido, camiseta e felpa” e, se a maioría dos estilismos do proxecto final eran monos, agora aposta por pantalóns e camisetas.
A participación nun evento destas características obriga aos novos deseñadores a madurar profesionalmente de golpe. Sen embargo, Montoto conta co apoio dos profesores de Esdemga e de amigos e compañeiros que a están axudando na preparación do desfile. “É o meu primeiro desfile e teño que ocuparme de decidir un montón de cousas máis como a música, a escengrafía, o logo, a maquillaxe ou os peiteados”, explica. A subdirectora de Esdemga, Cristina Varela, confirma que Montoto "como o resto dos alumnos conta con todo o apoio dos profesores e incluso doutra xente que colabora coa escola no Debut". "Soa non se vai ver nunca", apunta.
Varela confesa que a escola está "orgullosa" dos logros dos seus alumnos, e sinala que "o nivel dos seus traballos é moi alto". A visibilidade nacional e internacional que os alumnos están logrando nos diferentes certames respalda o traballo da escola. "Hai pouco tivemos unha crítica na que nos comparaban con escolas como a de Amberes ou Milán", comenta. Sinal inequívoco do éxito desta titulación da Universidade.

Un arma de dobre fío

Na mesa redonda dedicada á comunicación de moda e celebrada con motivo de PontevedraDebut, a semana da moda da cidade, xa se abordara a posibilidade de que algún alumno participara en El Ego. O precedente de Amai Rodríguez, Menchu ou Alba Blanco estaba na mente de todos. O comisario do desfile, Andrés Aberasturi, quixo deixar ben claro que “o desfile convirte nada nunca marca, pero nada máis aló diso”. Incluso afirmou ter coñecido casos de deseñadores aos que “o éxito os confundiu”. Aberasturi presentou a fiestra de Ego como a posibilidade de “establecer contactos con prensa e tendas” e achegou as claves que manexan para seleccionar os deseñadores: “marcas que teñan algo detrás, unha mínima produción ou alguén cunha creatividade deslumbrante, cun discuro propio”. Montoto é consciente da dualidade da pasarela pero a súa intención é “aproveitar a oportunidade, aínda que se trata dun mundo complicado e con moita competencia no que se queres facer algo tes que traballar moito e ter sorte”. Da mesma opinión é Cristina Varela que destaca a "visibilidade nun contexto de moda moi asentado, afastado do universitario" como o aspecto máis destacado de El Ego para os seus alumnos.
A continuación do seu desfile a organización programou o de Roberto Piqueras, un deseñador que leva varias edicións participando en El Ego e fará que con ese motivo se acheguen máis espectadores a coñecer o traballo da alumna de Esdemga.