DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Jacobo Lorenzo Nespereira recolleu os lugares da Esmorga nun vídeo de dous minutos

Un ex alumno da Universidade de Vigo gaña o concurso da Esmorgaphone

Ao certame presentáronse un total de catro curtametraxes rodadas co teléfono móbil

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 18/12/2009
Jacobo Lorenzo Nespereira, ex alumno da Universidade de Vigo, é o gañador da Esmorgaphone, concurso organizado pola vicerreitoría do campus de Ourense que ten por obxectivo premiar a mellor curtametraxe gravada co teléfono móbil. Jacobo presentou ao certame unha curta de preto de dous minutos de duración titulada Páxinas de Esmorga e na que recolle os espazos que Eduardo Blanco Amor utilizou para escribir a súa obra. Ao certame presentáronse un total de catro traballos que xa se poden ver na páxina web www.vicou.uvigo.es. O premio do concurso é un teléfono móbil de última xeración.
A Esmorgaphone é un dos eventos organizados con motivo da conmemoración do 50 aniversario da publicación da obra A Esmorga, de Eduardo Blanco Amor. Por este motivo a temática dos traballos debía tratar sobre os escenarios, as xentes e os personaxes que o escritor plasmou no seu libro. Non obstante, Jacobo Nespereira explica que non quixo limitarse a gravar os lugares polos que pasan os personaxes da publicación, senón que o seu obxectivo foi o de incluír eses espazos no seo dunha historia. Segundo as súas palabras, “quixen plasmar o universo da Esmorga a través dos ollos dunha rapaza que entra nunha libraría e que descobre o libro. A súa lectura vaina levar por todos eses espazos que Blanco Amor plasmou na súa obra ata voltar de novo á libraría onde remata a curta coa devolución do libro”. O gañador cualifica o certame de “moi interesante, non só porque me gusta moito este libro de Blanco Amor se non tamén porque ofrece a posibilidade de utilizar as novas tecnoloxías”. Tamén subliña do certame “o premio, moi atractivo para a xente máis nova e tamén que os traballos non esixen demasiado esforzo”.

As curtas poderían exhibirse no certame II Ourense en curta, a celebrar proximamente

Ao certame presentáronse outros tres traballos máis: Blanco Amor 2, Esmorga e A Esmorga 50 anos despois. O xurado do concurso estivo formado por Antonio Pedraza en representación do Festival Internacional de Cinema de Ourense, Manuel Precedo en representación do Cine Clube Padre Feijóo e Filemón Rivas en representación da Universidade de Vigo. Actuou como secretario, con voz pero sen voto, Cándido Rodríguez. A organización do certame está a barallar a posibilidade de exhibir a totalidade dos traballos presentados, ou unha selección dos mesmos, mencionando a súa autoría, no certame II Ourense en curta, a celebrar proximamente. A Esmorgaphone forma parte do ciclo de actividades organizadas con motivo da Intercultural, unha iniciativa da vicerreitoría do campus de Ourense que encheu de eventos culturais a institución académica neste primeiro cuadrimestre do curso. Teatro, con Quico Cadaval e Mofa e Befa que representaron a súa obra Shakespeare para ignorantes; divulgación científica da man do astrofotógrafo Daniel López; concienciación social co espectáculo Unidos por el Flow e música con Mercedes Peón integraron a programación da iniciativa que se desenvolveu na sala multiusos do Edificio de Ferro.