DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O cambio de traxecto do transbordador de Caminha, unha das metas

Exame de conciencia sobre o esteiro do Miño

MinhoNet reúne a expertos de Galicia e Portugal para debater o que se está a facer ben e mal no estu

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 04/05/2011

Miran con envexa aos esteiros do Danubio, do Elba e mesmo do Ebro, nos que dende hai tempo varios equipos traballan para coñecer datos como a velocidade de sedimentación. Un avance moi importante, xa que unha das maiores debilidades que ten o río Miño é a falta de información sobre os procesos sedimentares ou os riscos de inundación. Por iso, expertos de Galicia e Portugal debateron as boas e malas prácticas detectadas na desembocadura do río galego durante a segunda reunión de MinhoNet, unha rede rexional de cooperación do esteiro do Miño enmarcado no proxecto DeltaNet e no que colaboran tanto a universidade viguesa como os outros sete socios europeos.

A principal conclusión do encontro, organizado polo Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía da Universidade de Vigo no Aquamuseu de Vila Nova de Cerveira, foi a necesidade de formular xa para o período 2015-2020 un Plan Hidrolóxico común que “permita coordinar os estudos e as accións necesarias para resolver os problemas de sedimentación e de xestión das avenidas que ocorren no esteiro”, asegura Xavier Simón, profesor da Universidade de Vigo e coordinador de MinhoNet. Para logralo, todas as administracións facilitarán a información técnica e cartográfica da que dispoñen, aínda que os principais puntos febles do esteiro están xa identificados e condenados a cambiar: é preciso reducir as extraccións de area dos fondos polos efectos ambientais e o elevado custo económico que supoñen, uns 2,5 millóns de euros no 2009, e cambiar o canal de navegación do transbordador entre Caminha e A Guarda, “que en lugar de ir en liña recta debería ter forma de L”.

Combater a contaminación, por exceso ou defecto

Unha das cuestións nas que máis debería incidir o novo Plan Hidrolóxico, segundo os expertos, é na contaminación do estuario do río. A acumulación de lindano, o abuso na utilización de produtos tóxicos nas agriculturas máis extensivas, o exceso de embarcacións na marxe do río ou a contaminación procedente do polígono das Gándaras de Budiño son algúns dos problemas aos que se deben de facer fronte canto antes. Tamén preocupa a regulación do caudal de Frieira, “que ten unha incidencia negativa sobre a biodiversidade do río”, e o deterioro das marismas de Salcidos e de Sapal do Coura, na beira galega pola “acumulación de biomasa que causa a ausencia de actividade humana, na portuguesa polos aterramentos que modificaron a circulación da auga”.

Polo bo camiño

A pesar da longa listaxe de puntos a reconsiderar e cambiar para garantir o futuro do estuario do río, a xestión dos recursos medioambientais existentes nesta desembocadura mereceu o aprobado con nota por parte dos expertos. Unha das principais boas prácticas identificadas é o elevado nivel de calidade da auga, conseguida grazas ao baixo nivel de urbanización e concentración industrial da zona. Outra é o turismo ornitolóxico e as rutas de observación de aves, con proxectos de conservación de especies de aves de singular importancia ou en risco de extinción, como o ‘Píllara’, desenvolvido polo grupo ecoloxista Anabam. “O esteiro do Miño é un dos lugares máis privilexiados do oeste peninsular para a observación de aves e, segundo os participantes en MinhoNet, estas accións deberían ter consideración de boa práctica”, explica Simón.

A valoración do encontro, "moi positiva. Conseguimos ampliar aos socios implicados, sobre todo polo lado portugués. E todos mostraron a necesidade de avanzar na formulación de espazos comúns de decisión, o gran problema ao que se enfrontan os esteiros internacionais, como é o caso do Miño", subliñou o profesor. Con moito traballo aínda por diante, o proxecto DeltaNet ten previsto continuar coas súas actividades durante os vindeiros meses. Entre o 6 e o 11 de xuño expertos internacionais falarán sobre o cambio climático nos esteiros na localidade catalana de San Carles de la Rápita; en setembro, do 11 ao 17, será a quenda dos deltas e das terras húmidas en Romanía, no estuario do Danubio.