DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A excelencia académica no bacharelato prémiase cun ordenador portátil na Universidade

O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto do 13 de outubro ao 28 de novembro

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Romina Vázquez DUVI 10/06/2008

Un ordenador portátil. Este é o premio co que a Universidade de Vigo obsequiará aos 50 mellores estudantes que, procedentes do bacharelato, se matriculen no curso 2008/2009 en calquera das titulacións oficiais impartidas nos seus centros propios. Deste xeito, “queremos ofrecer un aliciente para que os alumnos máis sobresaíntes entren na nosa Universidade”, tal como apunta Mª del Carmen Cabeza, vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, que engade que “este premio tamén lles sirve a eles para facer currículo”.
Poderán solicitar esta axuda, unha ferramenta de traballo de máxima utilidade para desenvolver os estudos universitarios, todos aqueles alumnos que obtiveran o premio de excelencia académica da Xunta de Galicia no ano 2008. A convocatoria reserva para este colectivo a maior parte dos premios, xa que se lles concederá un máximo de 30 ordenadores. Ademais, o concurso está aberto aos que se clasificaron no 1º, 2º ou 3º posto de calquera das fases autonómica, nacional ou internacional dalgunha das Olimpíadas Científicas celebradas no curso pasado. Por último reserva dez ordenadores para aqueles que acrediten unha puntuación igual ou superior a 8,5 puntos na valoración do expediente académico do bacharelato.

Forma e prazo para a presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes, que deberán entregarse no rexistro xeral da Universidade ou nos auxiliares dos campus, “será o comprendido entre o 13 de outubro e o 28 de novembro, xa que coincide coa resolución dos premios de excelencia académica”, tal como explica a vicerreitora. No momento da inscrición haberá que aportar a solicitude debidamente cuberta, xunto con unha fotocopia do D.N.I e o certificado que acredite calquera das tres condicións esixidas para optar ao premio.