DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No 8 de marzo a Universidade súmase ao manifesto que defende a existencia de unidades de igualdade

A excelencia académica ciméntase na igualdade real

Os actos conmemorativos do Día Internacional das Mulleres prolongaranse varios días nos tres campus

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 08/03/2012

“Como no resto da sociedade, a igualdade aínda non é real na universidade española”. Lonxe de ser unha afirmación oportunista ao fío da celebración este xoves do Día Internacional das Mulleres, as palabras da directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Anabel González Penín, susténtanse en evidencias como as segregacións vertical e horizontal que seguen a poñer de manifesto, tamén no ámbito académico, a desigualdade existente entre mulleres e homes. Para acadar unha igualdade real de oportunidades nas universidades a Red de Unidades de Igualdad de Género para la Excelencia Universitaria, RUIGEU, integrada por unha trintena de institucións académicas españolas entre as que se atopa a Universidade de Vigo, fai público nesta xornada un manifesto cunha idea de partida: só as universidades que funcionan baixo o prisma dunha igualdade real de mulleres e homes poden acadar a excelencia académica. Parte importante no camiño cara unha equidade real nas universidades son as unidades de igualdade, cuxo empoderamento defende o manifesto que segundo García Penín “declara a necesidade de que todas as universidades dispoñan de estruturas específicas que traballen pola igualdade de xénero tal e como manda a Lei de Universidades”.

Máis alá da adhesión ao manifesto da Red de Unidades de Igualdad de Género, a Universidade de Vigo celebra este Día Internacional das Mulleres cun programa de actos nos tres campus que se prolongará durante varios días nos que se celebrarán relatorios, proxección de películas e obradoiros.

Segregación nos cargos de responsabilidade e nas titulacións

Proba evidente da desigualdade entre mulleres e homes nas universidades é a segregación vertical “cunha liña na pirámide de cargos e categorías profesionais á que as mulleres, nas mesmas condicións de formación e experiencia teñen dificultades por chegar”, explica a directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, e tamén a horizontal na elección de estudos, “sendo preferencia das mulleres os ámbitos das ciencias da saúde e o xurídico social, mentres no tecnolóxico a presenza feminina segue a ser moi escasa”.

No caso concreto da Universidade de Vigo, González Penín, asegura que “non é moi diferente da súa contorna”, reproducíndose unha segregación vertical tanto no persoal de administración, docente como no investigador, “aínda que a ratio de catedráticas por catedráticos é unha das máis altas de España”, e tamén horizontal na elección dos estudos por parte do alumnado. A directora da Unidade de Igualdade lamenta a falta de recoñecemento e visibilidade do traballo das mulleres e unha maior sensibilidade por parte da comunidade universitaria que é “unha das nosas materias pendentes: conseguir implicar a todos os sectores e especialmente ao alumnado que, en xeral, pensa que a loita pola igualdade de xénero non é a súa causa e non son conscientes das desigualdades existentes”.
Pero máis alá da sensibilización a directora da Unidade de Igualdade avoga pola adopción de medidas orientadas a acadar unha igualdade real na universidade española. “É fundamental que os equipos directivos de cada universidade se comprometa coa igualdade de xénero, elaborando as oportunas diagnoses de situación e en función delas aprobar os plans de igualdade”. Traballar en medidas de conciliación laboral e persoal e de corresponsabilidade son, segundo González Penín outras medidas que cómpre adoptar para atallar a desigualdade existente.

Para conmemorar este día de loita e reivindicación feminina, a Unidade de Igualdade organiza un ciclo de relatorios que, baixo o título Pioneiras, renderá homenaxe ás primeiras loitadoras polo recoñecemento da muller. A primeira protagonista será a pintora surrealista Maruja Mallo, que centrará na tarde deste xoves un coloquio no campus de Pontevedra conducido polo profesor e crítico de arte, Antón Castro. Tras o seu relatorio, que comezará ás 19.00 horas na Casa das Campás, proxectarase o documental Maruja Mallo. Mitad ángel, mitad marisco. O ciclo Pioneiras trasladarase o día 15 á Facultade de Dereito do campus de Ourense onde a protagonista será Clara Campoamor. Encargarase de poñer en valor a súa figura a historiadora María Teresa Arias Bautista e posteriormente proxectarase a película Clara Campoamror, la mujer olvidada. Pioneiras concluirá o 23 de marzo en Vigo, na Facultade de Filoloxía e Tradución, lembrando a Emilia Pardo Bazán da man de Ana María Freire, catedrática de Literatura Española da UNED e coa proxección de Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde.
Ademais, e co fin de visibilizar a arte feita en feminino, a Unidade de Igualdade volve a colaborar co Festival Alternativo de Artes Escénicas, ALT12, a través do segundo ciclo dedicado ás novas creadoras galegas do que son protagonistas Mónica García e Suelen Star Quartet, este xoves, e a Compañía das Marías, o venres. A entrada é de balde presentando o carné universitario.

Ourense. Dando voz á guerrilleiras antifranquistas

No campus de Ourense o actos conmemorativos do Día Internacional das Mulleres comezaron coa presentación do libro Mulleres na guerrilla antifranquista galega, de Aurora Marco, e do documental baseado nesta obra, As silenciadas, de Pablo Ces. “Estas mulleres foron as grandes silenciadas da historia, pola súa condición feminina e por estar en contra do réxime”, explicou a autora do libro. Para resarcir esta “dupla falta de memoria” e porque “lembrar é un acto de xustiza, reparación e homenaxe”, o libro e o documental realizan un percorrido pola historia das mulleres que nos anos corenta foron guerrilleiras no monte, enlaces na chaira ou parellas de guerrilleiros que pagaron as consecuencias de ser “mulleres de”.
“Cómpre reler a historia en chave feminina e recoñecer o papel destas mulleres no seu decorrer”, salientou a investigadora Ana Cebreiros. Elas foron moi importantes en aspectos da guerrilla como a loxística, a intendencia ou a asistencia e por este motivo foron duramente represaliadas co asasinato, o cárcere, a violación ou a tortura. Unha historia de loita que, salientou María Lameiras, "é un acto de xustiza recoñecer nunha conmemoración coma a do Día Internacional da Muller".

Con este acto abriuse un amplo programa de actividades no campus de Ourense que se prolongarán ata o día 30 de marzo e que inclúe, entre outras accións, a realización dun o macropasatempo fisico-mental na fachada do Edificio Politécnico con 10 solucións pola igualdade e a presentación do Álbum de mulleres do Consello da Cultura Galega, este xoves 8 de marzo. Os actos continúan mañá venres coa celebración da mesa redonda A muller na ficción televisiva galega, coa participación das actrices Camila Bossa, Mayka Brañas e Mariana Carballal e a profesora Anna Amorós. Tamén haberá espazo para os obradoiros e conferencias sobre os roles feminino e masculino e o ser andróxino, para a exposición Con A de astrónomas, actividades que se alongarán durante a vindeira semana.

Pontevedra. Quen se agocha tras a roupa que levamos posta?

No campus de Pontevedra os actos comezaron cunha reflexión sobre as condicións laborais das mulleres que se agochan tras a produción de roupa para as grandes multinacionais, da man das asociacións Amarante e Agareso (Asoaciación Galega de Reporteiros Solidario) en colaboración coa Unidade de Igualdade. O xornalista Juan De Sola, a profesora Amada Traba e Eva Blanco, de Amarante, inauguraron na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte un programa de actividades que inclúe a proxección dun ciclo de documentais e a exposición fotográfica 100% Attawassoul, co fin de impulsar “un consumo responsable do téxtil”, sobre todo ao alumnado universitario, “xa que destina máis da metade do seu diñeiro á compra de vestiario”. A profesora Amada Traba sinalou a necesidade de desenvolver este tipo de iniciativas que axuden a destapar “unha realidade de produción deslocalizada en lugares nos que non hai unhas condicións laborais dignas, con peores consecuencias nos sectores menos favorecidos”.

Ademais de inaugurar a mostra, que fai un percorrido a través de 32 imaxes polo día a día de tres traballadoras en Tánxer, tamén se proxectou 100% mujer, primeira peza do ciclo documental na que os xornalistas de Agareso reflicten as precarias condicións da muller traballadora nun dos grandes paraísos das multinacionais do téxtil.
Este ciclo de cine documental proseguirá durante todo o mes coa proxección o 15 de marzo de China Blue e de Golpeados pero non vencidos o día 22. O mércores 28 de marzo celebrarase un acto de clausura no que se presentará o informe A moda española en Tánxer: traballo e supervivencia das obreiras da confección, realizado pola asociación Campaña Roupa Limpa.

Texto íntegro do manifesto (496.93 Kb)