DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Presentan o seu Grao en Xeografía e Historia e o Mestrado Historia, Territorio e Recursos Patrimonia

A excelencia, a aposta da Facultade de Historia para os seus estudos o vindeiro curso

O mestrado vén de obter a Mención de Excelencia Europea da ANECA

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 27/07/2011
Na captación de alumnado e no posicionamento dentro do mapa de titulacións, cada centro aposta por potenciar algunha das súas características. A Facultade de Historia do campus de Ourense presentou este mércores os seus estudos de grao e mestrado para o curso 2011/2012 e fíxoo destacando a súa aposta pola excelencia e a calidade docente como principais bazas. Con 30 prazas o Grao en Xeografía e Historia e 10 prazas o Mestrado Historia, Territorio e Recursos Patrimoniais, os responsables do centro destacan a súa busca permanente da calidade e o seu alto nivel de esixencia co alumnado e o profesorado.

O acto de presentación contou coa participación de Milagros Cavada, decana da Facultade de Historia, e Jesús de Juana, coordinador do Mestrado Historia, Territorio e Recursos Patrimoniais. Sobre o Grao en Xeografía e Historia, Cavada salienta que “está sendo un dos máis atractivos da súa área”, pondo como exemplo desta boa acollida o feito de que as 30 prazas que se ofertan cada ano non son suficientes para cubrir a demanda existente. Nestes bos resultados, a decana apunta que ten moita responsabilidade “a dedicación e seriedade do profesorado, o 90% deles profesores titulares e catedráticos”.

O obxectivo do grao, que se imparte en catro cursos académicos, é proporcionar ao alumnado unha formación básica con contidos interdisciplinares relativos ao coñecemento do pasado, das coordenadas espazo-temporais e das interrelacións xeográficas. A finalidade última é formar a profesionais con capacidade para exercer como docentes nos diferentes niveis educativos, investigadores e arqueólogos, entre outras saídas profesionais.

Un bo colchón

No que respecta ao mestrado, Jesús de Juana destaca o alto nivel de esixencia para entrar nel, ao ofertar 10 prazas que se cobren en primeira convocatoria. “O mestrado, que dura un curso, é impartido por 18 doutores da Universidade de Vigo e 5 profesores de recoñecido prestixio doutras universidades, o que dá unha ratio de calidade moi alta”, salienta. Especialmente satisfeito se amosa co feito de que o Mestrado Historia, Territorio e Recursos Patrimoniais vén de acadar recentemente a Mención de Excelencia Europea por parte da Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación (ANECA). Nesta avaliación académica, apunta, en ítems como o de calidade científica obtiveron a máxima puntuación posible.

Os responsables do centro e do mestrado confían en que este nivel de excelencia sexa “un bo colchón” que evite a este centro verse afectado polas posibles reducións de estudos con menos de 45 estudantes. “Sempre con moita prudencia pensamos que a nosa titulación pode estar a salvo”, di Milagros Cavada. Unha opinión compartida por Jesús de Juana, para quen é necesario facer unha boa planificación de futuro e deixar de lado “a mentalidade utilitarista e economicista”.