DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Obtivo o financiamento de 2,3 millóns de euros na convocatoria Advanced Grant

A excelencia do catedrático Luis Liz Marzán, recoñecida polo Consello Europeo de Investigación

Para un proxecto que estudará a comunicación entre bacterias e a súa manipulación para combater enfe

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 24/01/2011

Tras obter en 2010 o Premio Dupont da Ciencia e o Humboldt en recoñecemento á súa traxectoria, o catedrático do Departamento de Química Física da Universidade Luis Liz Marzán vén de acadar un dos máis esixentes e competitivos contratos europeos. O Consello Europeo de Investigación recoñeceu o seu proxecto para estudar a comunicación entre as bacterias na convocatoria Advanced Grant cun financiamento de preto de 2,3 millóns de euros para os vindeiros cinco anos.

Acompañado polo reitor, Salustiano Mato, Liz deu conta este luns do que para o grupo de investigación de Química Coloidal representa este contrato, que os sitúa á vangarda da ciencia europea como grupo de excelencia. Segundo explica o investigador “a competitividade e a dificultade desta convocatoria implica xa un recoñecemento” pero este financiamento europeo “vainos permitir levar adiante un proxecto que doutro xeito sería imposible”. Para o reitor, o traballo de Liz Marzán “personifica o principio de mérito e capacidade que vai permitir a esta institución dar saltos cualitativos e estamos moi orgullosos de telo na nosa Universidade”.

Con todo, Liz Marzán subliña que este é un colofón, “a madurez completa” tras anos de intenso traballo dun grupo composto por máis de 30 persoas recoñecido internacionalmente no eido nanotecnoloxía.

Excelentes en Europa

A convocatoria Advanced Grant, unhas das axudas de investigación máis prestixiosas de Europa, concédense a investigadores consolidados de calquera país e de calquera rama para fomentar os proxectos de investigación punteiros. Como explica o reitor, estes contratos tratan de “mobilizar, de abrir novos horizontes e romper fronteiras do coñecemento en Europa para os investigadores máis salientables, pero tamén os máis atrevidos, que sexan capaces de dar un salto cualitativo para a investigación europea”.

Esta convocatoria require tamén un compromiso por parte da Universidade para asegurar e garantir a viabilidade deste proxecto que se vai traducir en novos espazos de traballo. A curto prazo, os investigadores disporán de novas e especializadas instalacións cons sistemas de espectroscopía e microscopía que se instalarán, en primeira instancia e no prazo de dous meses en Citexvi, para ser trasladas posteriormente “ao lugar máis acaído pola súa temática, no Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio”, puntualizou Salustiano Mato. O reitor subliñou tamén que este espazo forma parte dunha reserva de metros que a Universidade ten en Citexvi destinados a proxectos estratéxicos “e este é o primeiro deles que vai ocupar o seu lugar”.

Entender a comunicación entre poboacións de bacterias

O catedrático vigués obtivo un dos 266 contratos que se outorgaron en Europa e dos 13 de que recalaron en investigadores españois. O seu proxecto, “multidisciplinar e ambicioso” continúa e leva un paso máis aló o traballo realizado polo seu grupo nos últimos anos no deseño de nanomateriais para a fabricación de sistemas sensores. Incorporando outras disciplinas como a bioloxía á liña de investigación, a finalidade “é desenvolver sensores para comprender a comunicación entre poboacións de bacterias” e poder manipular o seu comportamento.

Segundo o catedrático, as técnicas actuais son lentas e non permiten coñecer moitos dos mecanismos comunicativos pero “a obtención de datos a tempo real permitiría ter información sobre as moléculas que fan posible a comunicación entre bacterias en tempo real”. Así, coñecendo o seu sistema de comunicación e o modo de manipulalas, poden ser empregadas para loitar contra enfermidades. “É un obxectivo moi ambiciosos que non está probado en ningunha parte do mundo”, explica, “pero as bacterias ademais de poder ser moi daniñas e provocar enfermidades poden ser manipuladas no seu comportamento para que en presenza de certos tecidos actuasen dun xeito beneficioso”, como sistemas de terapia combatendo doenzas.

Seleccionado entre 2000 candidatos

A Universidade de Vigo é a única galega cun investigador recoñecido cun Advanced Grant e comparte o mérito con Santiago de ter un Started Grant, a modalidade desta convocatoria para investigadores novos, que en 2008 recaeu en David Posada.

Na convocatoria de 2010 para os Advanced Grant concorreron arredor de 2000 investigadores senior de toda Europa e concedéronse 266 bolsas, estando España no sétimo lugar con 13, sete delas para Catalunya. En total, o proxecto de Luis Liz recibirá 2.247.000 euros, nunha convocatoria que establecía un máximo de 3,5 millóns de euros pero que adoita moverse arredor dos 2,5 millóns por investigador. Desta contía, o catedrático explica que preto da metade será para a contratación de investigadores que permitan a multidiciplinariedade deste proxecto e o resto para equipamento específico, mantemento e participación en congreso e seminarios.

En definitiva, un recoñecemento máis ao labor investigador que se desenvolve no seo da Universidade de Vigo que fai que, en palabras do reitor, “debamos estar orgullosos todos os galegos por este recoñecemento internacional de alto nivel” que axuda a consolidar a Universidade cunha “imaxe de marca importante no contexto da investigación mundial; podemos competir en Europa e gañar algún partido”.