DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Premios outorgados por Novacaixagalicia e Diario de Pontevedra

A excelencia de Liz-Marzán convérteo en ‘Pontevedrés Distinguido’

A sociedade recoñece os seus avances científicos no campo da nanotecnoloxía

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijoo DUVI 16/06/2011

Os máis de 15 anos dedicados á investigación no grupo de Química Coloidal da Universidade de Vigo, fixeron posible que o catedrático Luis Liz-Marzán, a pesar de nacer en Lugo, fose recoñecido como Pontevedrés 2010 polos seus avances no eido da nanotecnoloxía. O premio, outorgado por Novacaixagalicia e Diario de Pontevedra, “supón unha gran satisfacción porque provén dun mundo totalmente alleo ao da investigación, ademais de que dalgún xeito desde fóra se valora a transferencia e a xeración de coñecemento das universidades”, comentou Liz-Marzán, que recolleu este xoves no Liceo Casino de Pontevedra o galardón de man do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

Tras conseguir en 2010 o premio Dupont da Ciencia e máis recentemente o Advanced Grant outorgado polo Consello Europeo de Investigación co que logrou un financiamento de 2,3 millóns de euros para estudar a comunicación entre as bacterias, este xoves foi a sociedade pontevedresa a que salientou o seu labor investigador, “algo moi importante porque de algunha forma se pon de manifesto que os pequenos grans de area que imos sementando día a día en realidade chegan á sociedade”, explicou o galardoado.

Para o catedrático do departamento de Física Química este tipo de premios permiten visualizar e divulgar “o que se fai dentro das universidades, aínda que ás veces resulte difícil de explicar”. Persoas que viven alleas ao mundo universitario, “pensan que as universidades son centros como os de educación primaria ou secundaria nos que soamente se imparten unhas horas de clase”, polo que é transcendental “que realmente se vexa que dentro das nosas paredes se fai investigación para mellorar a calidade de vida de todos con contribucións á medicina, á tecnoloxía, á ciencia...”. Deste xeito, grazas a esta divulgación dos resultados, na sociedade comezan a soar termos como o de nanopartículas, “conceptos novos aos que pouco a pouco hai que ir dándolles relevancia”.

Liz Marzán non se esqueceu de recoñecer que este premio non sería posible sen o labor e a dedicación de todo un equipo de investigación, “polo que o mérito é de todos, os que están e os que estiveron pois, como ben é sabido, os avances non os consigue unha soa persoa”, aclarou.

Os outros premiados

Ademais do galardón á investigación, os Premios Pontevedreses 2010 tamén recoñeceron o esforzo e a entrega nas categorías de labor social, de cultura, de economía e de deporte. No ámbito de labor social resultou galardoada Cáritas, que en Pontevedra dirixe a gardería Dálmatas, o albergue San Xavier de Monte Porreiro e un local de doazón de roupa na rúa Xoaquín Costa. No apartado de cultura a escritora e profesora Fina Casalderrey recolleu o premio polas súas achegas á literatura infantil e xuvenil galega. Na categoría de economía o galardoado foi o restaurante Casa Solla por lograr que a imaxe de Pontevedra transcenda máis aló das súas fronteiras. O deporte tamén recibiu o seu recoñecemento, co premio a Lourdes Domínguez, no apartado de deportes, por ser “a mellor tenista galega da historia”, recollido polo seu pai pois a galardoada se atopa en Holanda competindo.

Moitas foron as autoridades que se reuniron para homenaxear aos premiados, como o presidente de Novacaixagalicia, Julio Fernández Gayoso, o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán ou o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, ademais de representantes da Universidade, como os vicerreitores Antonia Blanco e Ignacio Barcia e profesores do campus pontevedrés como Alberto Pena, membro do xurado, ou Daniel Martí.