DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Todos os equipos acadaron a vitoria

Excelente inicio de ano para os equipos de baloncesto e os cadetes de rugby do campus

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 10/01/2011
Remataron as vacacións e os equipos de baloncesto e rugby do campus de Ourense retoman paulatinamente o traballo e as súas respectivas competicións. Esta fin de semana foi o turno do Universitario Campus de Ourense feminino e masculino e do equipo cadete do Campus Ourense Rugby, que conseguiron todos eles un excelente resultado. Con este bo inicio de ano, o equipo de baloncesto masculino mantense líder invicto, o feminino consolídase na zona media da táboa e os cadetes de rugby conseguen o seu primeiro éxito desde que naceu o equipo.

O Universitario Campus de Ourense de baloncesto masculino sénior xogou o sábado o partido correspondente á Liga da Federación Galega de Baloncesto contra o Asesoría Espiñeira. O resultado final foi 62-74 para os ourensáns que adestra Javier Pérez, que deste xeito acumulan dez vitorias de dez partidos xogados e encabezan a competición.

Tamén cunha vitoria rematou esta primeira xornada de 2011 o equipo Universitario Campus de Ourense de baloncesto feminino sénior, que gañou por 61-51 contra o Cluny. Con este resultado, o equipo que dirixe Roberto Rapela, consolida a súa posición nos postos medios da táboa e sitúase nun destacado cuarto posto na Liga da Federación Galega de Baloncesto.

Á terceira foi a vencida

Seguindo esta racha de bos resultados, o equipo cadete do Campus Ourense Rugby tivo esta fin de semana a satisfacción de estrear a súa conta de vitorias gañando dun xeito claro contra o Ferrol Rugby Club no que era o seu terceiro partido de competición. Con un resultado final de 45-21 para os ourensáns, os rapaces que adestra Yayo de la Fuente amosaron en todo momento o seu dominio do partido, realizando na primeira metade 4 ensaios e na segunda 3, fronte os dous do equipo ferrolán. “Foi un moi inicio de ano que esperamos que continúe, aínda que se trata dun equipo recentemente creado”, sinala o seu entreador.

Pola súa banda, o equipo Campus Ourense Rugby non xogou o encontro da liga galega que se debía disputar este sábado contra o Vigo RC, pois foi aprazado a petición dos vigueses.