DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un informe elaborado por investigadores da UVigo por encargo do CES

Exceso de burocracia e falta de financiamento lastran o crecemento empresarial galego

Santiago Lago e Patricio Sánchez chaman a eliminar barreiras e potenciar a internacionalización

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • HRS4R
  • Investigación
  • Publicacións
  • Investigación
D. Besadío DUVI 13/12/2023

Os principais factores que limitan o crecemento do tecido empresarial galego son o exceso de burocracia e a falta de financiamento, unido á escaseza de persoal cualificado e ás dificultades para acceder a axudas e subvencións. Así o explicaron este xoves os catedráticos e investigadores do grupo de investigación GEN da Universidade de Vigo, Santiago Lago e Patricio Sánchez, na presentación do informe Tecido empresarial galego e dinámica empresarial. Análise comparada, elaborado por encargo do Consello Económico e Social de Galicia.

A presentación do informe tivo lugar este mércores no edificio Redeiras e, ademais do propio equipo redactor, encabezado por Lago e Sánchez, contou coa participación do presidente do Consello Económico e Social de Galicia, o ex-alcalde vigués Manuel Pérez, e a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, quen agradeceu a confianza depositada polo CES nos investigadores da UVigo, neste caso integrantes do centro de investigación Ecobas.

Predominan as microempresas e fan falla máis empresas grandes

“O panorama empresarial galego é moito menos dinámico ca o de outros países”. Así o explicou Santiago Lago na presentación do informe, unha intervención na que fixo fincapé en que en Galicia predominan as microempresas de un ou dous traballadores, o que supón “un problema” á hora de enfrontar novos desafíos e retos. En concreto, en 2022, estas empresas supuñan o 96,3% de todo o tecido empresarial galego e só un 3,14% eran pemes; un 0,47% medianas empresas e as grandes corporacións apenas representaban o 0,8%.

 “Se conseguimos que as pequenas empresas pasen a ser medianas e as medianas pasen a ser grandes... vaise traducir en melloras na calidade do emprego, do benestar e da renda agregada”, salientou Lago, quen fixo fincapé en que se necesitan “máis empresas grandes, xa estas firmas son máis produtivas, debido a múltiples cuestións, entre eles, un maior grao de profesionalización. “Necesitamos máis Inditex, máis Estrella Galicia, máis Rodman...”, recalcou o catedrático da UVigo, subliñando a idea de que o informe examina as causas que impiden que as empresas galegas non se desenvolvan máis e aumenten de tamaño e no que se propoñen solucións a esta situación.

Máis de 30 propostas para conseguir que as empresas galegas medren máis

De explicar esas posibles propostas de solucións encargouse o profesor Patricio Sánchez, unha intervención na que foi debullando as máis de 30 propostas detalladas no informe do CES e que se estruturan en torno a tres eixes cruciais: por unha banda, o institucional, no que debe contarse cun marco legal, fiscal e financeiro adecuado, no que as empresas dispoñan da seguridade xurídica necesaria; por outra banda, o organizacional, no que é fundamental a profesionalización da xestión, independentemente do tamaño das empresas e, como terceiro aspecto determinante, o ámbito tecnolóxico, subliñando neste caso a necesaria cooperación entre empresas, universidades e centros de investigación.

A diminución das cargas burocráticas é, a xuízo dos autores do estudo, un aspecto básico para mellorar o tecido empresarial galego. Trátase de avanzar, tanto na modernización e racionalización da administración pública, como na simplificación de múltiples  normativas, identificando duplicidades e simplificando procesos. Apostan, ademais, por simplificar o sistema tributario e pór en marcha un método de declaración mensual do IVE, así como por fomentar a participación dos axentes que poidan ofrecer financiamento, tanto do ámbito público como privado, e por impulsar o papel do Instituto Galego de Promoción Económica, Igape, como instrumento financeiro.

Como principais factores competitivos e de mercado Patricio Sánchez resaltou a necesidade de fortalecer os encadeamentos produtivos en orixe, fomentar a internacionalización, promover a reorientación cara novos perfís profesionais nos que as empresas teñan dificultades para cubrilos e analizar as barreiras de entrada que se atopan nos distintos mercados para tratar de abordalas.

Doutra banda, Sánchez explicou que no informe se fai unha chamada a analizar os perfís profesionais que se demandarán nun futuro próximo para elaborar unha oferta formativa acorde. Da mesma maneira, apélase á necesidade de adecuar o mapa formativo ás novas realidades do tecido produtivo e a necesidade de promover programas de formación específicos para o empresariado. Trátase, ao seu modo de ver, de “apostar pola formación ao longo da vida, promover programas de cultura emprendedora, capacidade innovadora e igualdade e reforzar a interlocución social.”

A presentación deste informe serviu tamén para facer  unha nova chamada a incentivar o gasto en I+D+i nas empresas e incidir na necesaria cooperación entre empresas, universidades e centros de investigación. “Hai que garantir financiamento para os proxectos emprendedores máis interesantes, eliminar barreiras e potenciar aqueles factores que lles axuden ás empresas a dar o salto”, salientou Lago.