DUVI

Diario da Universidade de Vigo

David Suárez, creador da webserie ‘Vincent Finch’, impartiu unha conferencia en CCSS e da Comunicaci

Un exemplo de como unha idea pode abriche as portas do mundo laboral

Este compostelán relatou como naceu un proxecto que acumula cinco millóns de visitas en Internet

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 30/10/2014

Preto de cinco millóns de reproducións acumulan en Youtube os capítulos de Vincent Finch. Diario dun ego, a webserie que David Suárez creou cando era estudante de Comunicación Audiovisual en Madrid e que lle abriu as portas da produtora na que actualmente traballa. “Realmente, fixen un pouco o que me deu a gana”, recoñece o director, guionista e protagonista dunha produción premiada como mellor serie na última edición do Festival Español de Webseries, que este xoves visitou a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación para relatar a súa experiencia nun acto organizado pola delegación de alumnado do centro.

Suárez iniciou o seu relato explicando aos asistentes como naceu o proxecto “que, para empezar, proporcionoume un traballo ademais de satisfacción e unha experiencia moi valiosa”, xa que a raíz do éxito da webserie foi contratado pola produtora Mediapark como director de contidos de baixo custe. “Pode parecer que todo estaba ben pensado, pero realmente non o estaba, todo comezou porque me apetecía facer unha serie e podía facela porque existe unha cousa que se chama cámara e outra na que editar que se chama ordenador”, apunta con humor este santiagués de 22 anos dos inicios dun proxecto que puxo en marcha “cun grupo de amigos da facultade” coa única motivación de “pasalo ben facéndoo”.

Ter unha idea e levala adiante

Tomando como inspiración a serie The Office, Suárez apostou por “un formato que en España non se explorara demasiado, o do falso documental”, para retratar a historia dun “director frustrado” interpretado por el mesmo, Vincent Finch, “un insecto social adicto á moda, un ególatra e un cínico, que se inspira en defectos meus e dos meus amigos”. Un total de seis capítulos integraron este proxecto estreado en xuño de 2013 a través de Youtube e que se pechou o 1 de xullo deste ano coa publicación na rede do sexto e último capítulo dunha serie á que Suárez renunciou a dar continuidade polo de agora. “Por agora Vincent Finch está morto, o día de mañá, quen sabe?”, apuntou o impulsor dun proxecto que se completaba cun blog que simulaba escribir o propio personaxe

Neste senso, Suárez relatou que o proxecto naceu como unha produción “amateur, sen ningún tipo de financiamento” e sen maiores pretensións que divertirse. “A pértega que usabamos para o son era o pau dunha escoba”, sinala o realizador dun proxecto que rematou converténdose na “carta de presentación” deste mozo, grazas ás “grandes posibilidades” que lle outorgaba internet e á “axuda que supuxo para a súa difusión" poder contar coa colaboración de rostros televisivos como o presentador Dani Mateo. Por iso, o consello que o creador de Vincent Finch achegou ao alumnado de Ciencias Sociais e da Comunicación foi o de “levar adiante os vosos propios proxectos e non limitarvos ao que poidades aprender na carreira, senón saír a rúa cunha cámara. Realmente, se tes talento a xente vai acabar vendo o que fas”, concluíu este mozo, que actualmente se atopa traballando xa nunha nova serie.