DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle a proxección de "Bicicleta, cuchara, manzana"

O exemplo de Pasqual Maragall para 3000 ourensáns con alzheimer

Diana Garrigosa, muller de Maragall, agradece nunha carta a iniciativa

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 01/12/2010
“Quero axudar a derrotar esta enfermidade, persoal e colectivamente. En ningún lugar está escrito que sexa invencible”. Con estas palabras Pasqual Maragall, ex presidente da Generalitat de Catalunya, define a súa loita contra a enfermidade do alzheimer desde que lle foi diagnosticada en 2007. O documental Bicicleta, cuchara, manzana, dirixido por Carles Bosch, recolle agora o seu testemuño con intelixencia, sinceridade e bo humor. A Intercultural súmase á loita contra esta enfermidade, que se calcula afecta a 3000 ourensáns, coa proxección desta obra e o xoves día 2, ás 20.00 horas, no salón de actos do Edificio Politécnico.

O documental constitúe un testemuño de excepción de como unha persoa e a súa familia afrontan durante dous anos esta enfermidade e como, superado o golpe inicial, inician a súa cruzada contra o alzheimer. Una película dura pero optimista a pesar de todo, segundo os seus creadores. A iniciativa conta coa colaboración Fundación Pasqual Maragall, entidade que promove a difusión do coñecemento e a investigación científica da enfermidade coa finalidade de propiciar avances decisivos na súa detección, tratamento e cura.

A vicepresidenta da fundación e muller de Maragall, Diana Garrigosa, quixo agradecer por carta esta proxección no campus de Ourense. Na súa misiva salienta que no documental “optamos por presentar unha aproximación á enfermidade de alzheimer que abordara tanto a perspectiva científica como os aspectos humanos e emocionais que caracterizan a etapa posterior á diagnose e quixemos facelo de maneira realista pero á vez amable”.

As pequenas loitas diarias

Esta carta será lida no acto deste xoves na Intercultural por membros de Afaor, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Ourense. O seu xerente, Óscar do Val, explica a importancia de realizar este tipo de actividades de sensibilización xa que, segundo indica, “estímase que na provincia de Ourense hai 3000 persoas diagnosticadas con esta enfermidade”. Óscar recalca o valor deste documental na loita contra o alzheimer. “É tremendamente positivo cando persoas coñecidas, como Pasqual Maragall, son tan valentes de admitir publicamente que a padecen e dan exemplo á sociedade”.

Sobre o cambio que supón para o afectado e a súa familia a aparición desta enfermidade, como no caso de Maragall, o representante de Afaor salienta que é “un cambio brutal, no que cada día vas enfrontando pequenas batallas e onde chega un punto no que esa crúa realidade pasa a ser sinxelamente a realidade e intentas enfocalo do mellor modo posible”.

Trala proxección de Bicicleta, cuchara, manzana celebrarase un debate sobre o documental e os temas abordados nel no que participarán representantes de Afaor e Jesús Carballo Bouzas, profesor de intervención psicosocial en problemas sociais da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense.