DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un exemplo tamén vale máis ca mil palabras

Antigos estudantes de Tradución e Interpretación volveron ás aulas para relatar as súas exitosas exp

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 17/12/2009

Partindo do vello dito de que unha imaxe vale máis ca mil palabras, por que non estendelo a un exemplo vale máis ca mil palabras. Que mellor maneira de ensinarlles aos estudantes as múltiples e variadas posibilidades laborais que os agardan no seu futuro profesional ca que sexan os seus propios compañeiros os que llas ensinen. Así o pensaron os profesores do Departamento de Tradución e Lingüística que, tras botar mans á obra, esta semana trouxeron a facultade cinco ex-alumnos que relataron aos seus futuros colegas de profesión as súas exitosas experiencias laborais.
Unha intérprete na sede das Nacións Unidas en Xenebra, un profesor e investigador na Universidade de Roehampton en Londres, unha intérprete e medidadora no Hospital Ramón y Cajal, un xestor de proxectos de tradución para unha importante multinacional e unha directiva dunha empresa de enxeñaría aeronáutica compoñen o panel de licenciados modelo que esta semana se achegaron de novo á facultade na que se formaron.
“Son xente que se formou nas nosas aulas e que despois marcharon fóra, onde acadaron un nivel de éxito enorme”, sinala o director do departamento, Luis Alonso Bacigalupe, ao templo que subliña a importancia de darlle visibilidade ás diferentes saídas profesionais que ofrece a titulación en Tradución e Interpretación a través das experiencias reais do antigo alumnado. Segundo este profesor, “en moitas ocasións cando rematan a titulación non saben moi ben que facer nin a onde dirixirse. Con esta actividade o que pretendemos é mostrarlles que existe un abano amplísimo de posibilidades ás que poden dirixirse”.

Un soño cumprido: intérprete da ONU

Entre os cinco ex-alumnos que exemplicaron as diferentes ramas profesionais ás que poden acollerse estes titulados esta mañá pasou pola facultade Mónica Varela, alumna da primeira promoción da titulación, “con todo o que iso supuxo de positivo e de negativo”, sinaloulle sorrindo aos seus compañeiros e lembrando que, “licencieime no ano 96 cando, tanto o campus como a escola era moi distintos ao que tendes hoxe e, por que non dicilo, todo era moito máis precario”. Foi un xeito de motivalos e animalos, unha particular maneira de deixarlles claro que “con motivación, esforzo e unha boa preparación podedes chegar a onde vos propoñades”.
Varela explicou aos estudantes non só en que consiste o seu traballo nunha das sedes máis grandes da ONU, a de Xenebra onde se celebran arredor de 8000 conferencias anuais, senón tamén o camiño que tivo que percorrer para chegar ata alí. Un mestrado na Universidade de La Laguna primeiro –naqueles intres o único en España centrado en Interpretación- e, posteriormente, outro en Xenebra –como bolseira da Fundación Barrié. Logo a oposición e, finalmente, a praza.
Pero as oposicións non foron a única alternativa exposta pola viguesa, que falou tamén abondo da posibilidade de traballar como “freelance” en Xenebra, onde ademais da ONU teñen a súa sede moitos organismos internacionais: a Organización Mundial da Saúde, a do Traballo, a das Migracións... ou, “para aqueles que lles guste o fútbol” a UEFA ou a FIFA, “que a diario contratan este tipo de servizos”.

Portas abertas no público e no privado

Máis alá do ámbito público, o ciclo de conferencias fixo tamén fincapé nas posibilidades destes titulados no eido da empresa privada “onde comezan exercendo labores de mediación e, en moitos casos, acaban de directivas como foi o caso de Marta Sineiro, que nos visitou o martes”, sinalou Bacigalupe, que fixo unha valoración máis ca positiva deste ciclo dedicado á integración, onde os estudantes puideron ver alternativas moi distintas en diferentes ámbitos e as tendencias máis novidosas, “coma o caso do proxecto que explicou o martes Pablo Romero que agora é investigador nunha universidade británica onde están a desenvolver un proxecto pioneiro de subtitulación simultánea”.