DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cada participante debe achegar un quilo de comida destinado ao comedor dos Padres Franciscanos

Exercicio a cambio de axuda humanitaria no Maratón Solidario de Aeróbic

Terá lugar o mércores 16, de 21.00 a 24.00 horas no Pavillón Universitario

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Esmeralda L. Castro DUVI 09/12/2009

Por sexto ano consecutivo o campus de Pontevedra acolle o Maratón Solidario de Aeróbic, a “gran festa da solidariedade e do deporte”, pensada para paliar os efectos da crise entre os máis necesitados. A iniciativa, organizada polo Servizo de Deportes e a Vicerreitoría do Campus de Pontevedra, propón como a mellor maneira de rematar o ano tres horas de exercicio a cambio dunha pequena axuda humanitaria. Cada participante deberá achegar un quilo dun alimento non perecedoiro que posteriormente se entregará aos Padres Franciscanos, quen diariamente acollen no seu comedor un cento de persoas. A cita será o vindeiro mércores 16 de decembro no Pavillón Universitario de 21.00 a 24.00 horas.
“Todas as axudas son poucas, e máis nun contexto como o actual de recesión económica, por iso e tendo en conta a proximidade das festas do Nadal, queremos contribuír a paliar as carencias que sofren algunhas persoas cunha achega de alimentos”, explica Gustavo Loureiro, técnico do Servizo de Deportes do campus e coordinador do maratón. Engade que un lema axeitado para este evento sería “fai deporte e axuda aos máis necesitados”.
Esta acción permitirá, segundo a organización, que o comedor social dos Padres Franciscanos poida continuar ofrecendo axuda ás persoas que o precisen. Desde a súa primeira edición a maratón mantén a colaboración con esta institución, que leva establecida máis de vinte anos na cidade. Loureiro sinala que dende os comezos acolleron de moi bo grao esta cooperación, axuda que decidiron outorgarlles “pola tradición do importante labor social dos franciscanos na cidade e pola súa proximidade á cidadanía en xeral”.

Pilates para baixar o ritmo, novidade desta edición

A actividade trae unha novidade este ano. Preséntase como VI Maratón de Aeróbic e Pilates, pois inclúe tamén unha sesión de pilates “para baixar o ritmo da actividade” e adecualo á diversidade dos participantes. Durante as tres horas de exercicio haberá tres monitoras que intentarán que todos pasen un momento agradable a través da práctica dunha actividade saudable e divertida. Para poder seguir a intensidade do maratón repartiranse barras enerxéticas e bebidas isotónicas e, como incentivo, ao remate da xornada haberá sorpresas e agasallos para todos os asistentes.
Dende a organización espérase superar a acollida das anteriores edicións, situada entre os 150 e 200 participantes, polo que a actividade está aberta ao público en xeral. O evento conta ademais co patrocinio de tres entidades que xa o apoiaron nas edicións anteriores. Estas son Gadis, o Diario de Pontevedra e Punto Deporte.