DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Centrarán os contidos das Xornadas "Deporte e Saúde", presentadas este martes no Edificio de Faculta

O exercicio físico, fonte de benestar e lonxevidade

As sesións desenvolveranse os días 22 e 23 de outubro no Centro Sociocultural de Caixa Galicia

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Sara Alcázar DUVI 19/10/2010

Máis de dous millóns de persoas en España padecen obesidade, un problema a nivel mundial derivado do sedentarismo e a mala alimentación segundo os datos proporcionados pola OMS. Por este motivo, dende o campus de Ourense se aposta polo fomento da práctica deportiva a través das Xornadas Deporte e Saúde, que se desenvolveran os días 22 e 23 de outubro no Centro Sociocultural de Caixa Galicia e que foron presentadas este martes no Edificio de Facultades pola vicerreitora do campus, María Lameiras, Juan José Crespo Salgado, especialista en medicina deportiva e coordinador das xornadas, Beatriz Fernández Anguiano, representante da obra social Caixagalicia e Guillermo Santos, coordinador da Área de Deporte e Saúde do campus de Ourense.

Segundo manifestou a vicerreitora durante a presentación, “nos derradeiros anos, a obesidade e o sobrepeso convertéronse na principal causa de morte nos países desenvolvidos e o noso país está á cola en estilos de vida saudables, xa que máis dun 60% dos españois se identifica como pasivo”. Con esta afirmación tamén coincidiu o coordinador das xornadas, que incidiu na necesidade de mudar os estilos de vida sedentarios e promover a práctica deportiva “para incrementar a calidade de vida e previr doenzas como a obesidade, a diabetes e incluso as enfermidades cardiovasculares, na súa maioría directamente relacionadas coa falta de actividade física regular” indicou Crespo.

Ademais, Lameiras salientou que “a clave é a prevención mediante o exercicio físico e dende o campus de Ourense e o Servizo de Deportes estamos a traballar nesta liña a través destas xornadas pioneiras, que se suman a outras iniciativas como o programa Deporte e Saúde que se desenvolve nos tres campus” sinalou.

O exercicio e a vida saudable, claves do programa

O principal obxectivo das xornadas radica na promoción da práctica deportiva apoiándose en diversos programas e proxectos desenvolvidos por recoñecidos expertos nacionais e internacionais, que abordarán temas de actualidade no relativo a saúde, o deporte e a alimentación.

A especialista en medicina deportiva e profesora na Facultade de Educación Física de FMU en São Paulo, Sandra Marcela Mahecha, será a encargada de iniciar a xornada co relatorio A actividade física na construcción da saúde: a experiencia do programa Agita São Paulo, do que é asesora científica. A continuación, o ex-presidente da Comisión Médica do Comité Olímpico Español e membro de honra de FEMEDE, Juan Francisco Marcos Becerro, falará da combinación entre exercicio, saúde e lonxevidade, mentres que a profesora da área de Nutrición e Bromatoloxía da Facultade de Ciencias pechará a primeira sesión co relatorio Hábitos para unha adolescencia saudable.

A nutrición e a actividade dos deportistas centrará a segunda e derradeira xornada, na que intervirán Juan Manuel Bastida, médico das seleccións galegas de fútbol e ex-médico dos equipos de ciclismo Xacobeo Galicia, Eusskaltel Esuskadi e Relax-Fuenlabrada e Mª Teresa García Jiménez, xefa do Servizo de Educación Sanitaria. Como colofón das xornadas, o director do Centro de Estudos Sociosanitarios de Castela A Mancha, Vicente Martínez e a profesora da Facultade de Educación da Universidade de Castela A Mancha, Mairena Sánchez, falarán da actividade física no tempo libre dos escolares a través do estudo Movi, dirixido e coordinado por ambos relatores.

Dirixidas tanto á comunidade universitaria como ao público en xeral, as Xornadas de Deporte e Saúde están a ter unha grande acollida con máis dun centenar de matriculados, polo que ante esta expectación o prazo definitivo de inscrición permanecerá aberto ata o xoves 21 de outubro.