DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un libro de Aurora Martínez e Aurora Prada amosa como traballar ambos eidos conxuntamente

O exercicio físico en maiores, mellor se vai acompañado de estimulación da memoria

A proposta é froito do traballo práctico realizado durante tres anos nun ximnasio ourensán

Etiquetas
  • Ourense
Rosa Tedín DUVI 19/09/2012

Nunha aula de mantemento dun ximnasio unha persoa maior está camiñando. Noutra aula mentres camiña o monitor fai un xogo de asociación que consiste en que a cada articulación do corpo se lle adxudica un número e cando o monitor di ese número os participantes teñen que tocar a articulación correspondente. Só camiñar ten beneficios físicos pero camiñar e ter unha estimulación como a citada enriquece os resultados da acción e mellora as capacidades cognitivas dos participantes, como a memoria. Este e outros exemplos e como aplicalos veñen de ser recollidos na publicación Actividade física saudable e estimulación cognitiva en persoas maiores. Unha contribución ao Ano Europeo do Envellecemento, presentada este mércores no campus de Ourense.

O libro, que foi realizado pola docente do campus de Ourense Aurora Martínez e a psicóloga Aurora Prada, coa colaboración das investigadoras do grupo HI6 da Universidade de Vigo Pino Díaz e María José Martínez, recolle unha experiencia de actividade física e estimulación cognitiva con maiores realizada no Ximnasio 2000 de Ourense entre 2009 e 2012. Pola súa aplicabilidade e por ser froito dun traballo teórico pero tamén práctico, cun grupo de 30 maiores cada ano, as autoras da obra recibiron durante a presentación os parabéns de Mercedes Suárez, decana da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense; de Margarita Martín, concelleira de Benestar Social de Ourense, entidade patrocinadora, e de Vicente Romo, director do Departamento de Didácticas Especiais da facultade.

Didáctica sinxela e aplicable

“Da vellez non escapamos ningún de nós e ela vén sempre acompañada dun deterioro físico e psíquico, sobre todo da memoria, que afecta a arredor do 40% dos maiores. Contra a dependencia que tanto nos asusta só nos queda concienciarnos de que debemos ter unha vida plena, empezando por nós mesmos e coidando a nosa condición física e psicolóxica”, destacou Aurora Martínez durante a presentación. Con esta idea e tendo en conta que 2012 foi declarado Ano Europeo do Envellecemento Activo, a obra, explicou Aurora Prada, ofrece "un material útil, cun carácter moi práctico e pedagóxico" facilmente implementable por calquera persoa que queira ralentizar o deterioro das capacidades físicas e cognitivas.

Segundo explicou Prada, a estimulación cognitiva que propón o libro e que foi levada á práctica no ximnasio, consistiu na planificación de accións orientadas á memorización a través de xogos de repeticións, asociacións, secuenciacións, combinacións, verbalizacións e visualizacións, entre outros. Estas técnicas materializábanse en sesións nas que se traballaba, por exemplo, a asociación de movementos físicos a números ou días da semana, a aprendizaxe de pasos de baile sinxelos ou a visualización mental de accións realizadas a curto ou medio prazo.

Para analizar os resultados da metodoloxía aplicada, Pino Díaz salientou que se realizou unha avaliación que amosou como efectivamente as persoas sometidas a este programa durante oito meses, con dúas sesións semanais, melloraron en todos os aspectos cognitivos analizados, como a orientación espacial e temporal e as tarefas motoras, destacando as melloras na memoria a medio e longo prazo. Destes bos resultados deron conta na presentación do libro algunhas das persoas maiores que participaron na experiencia práctica e que remataron o acto preguntando "cando empeza o novo curso?".