DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As Escolas Deportivas abren o prazo de renovación e de nova matrícula

O exercicio físico tamén contribúe a ter unha mente saudable

As actividades do segundo cuadrimestre durarán ata o 8 de xuño

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Jessica Fdez DUVI 18/01/2013

Co inicio das clases, as Escolas Deportivas abren o prazo de matrícula para o segundo cuadrimestre. As múltiples actividades que se ofertaban dende comezo do curso alongaranse ata o verán, para o que os interesados poden tanto renovar a inscrición como formalizar unha nova. Deste xeito, pose a disposición da comunidade universitaria unha alternativa de actividade física que lles permita poñerse en forma practicando deporte no seu tempo de leer, a un módico prezo e sen ter que desprazarse do campus. Nas instalacións do Servizo de Deportes ofértanse cursos de ioga, meditación, orientación e manexo do GPS, atletismo e tenis, este último curso tanto en nivel de iniciación como de perfeccionamento. A oferta complétase co programa de exercicio físico e seguimento personalizado Ponte en Forma e as actividades de aquagym, natación e squash impartidas no Complexo Deportivo Universitario (CDU).

O alumnado que xa participou nas actividades durante o primeiro cuadrimestre poderá renovar a súa matrícula do 21 ao 25 de xaneiro, mentres que aqueles de novo ingreso poderán anotarse entre o 30 de xaneiro e o 6 de febreiro. Os cursos comezarán o día 13 do vindeiro mes e prolongaranse ata 23 de marzo, data na que haberá un parón co gallo da Semana Santa. As actividades volverán o 1 de abril para rematar o 8 de xuño. Os prezos de cada curso, os créditos ETCS que se poden validar por estas actividades e a documentación requirida para facer a inscrición poden consultarse na páxina web do Servizo de Deportes.

A tarxeta deportiva universitaria

Ademais das Escolas Deportivas, o Servizo de Deportes pon a disposición da comunidade universitaria varias alternativas para facilitar a práctica de actividades físicas. Unha delas é a Tarxeta Deportiva Universitaria, TDU, que permite o acceso libre e individual ás instalacións deportivas do Servizo de Deportes e ás actividades dirixidas no CDU Aqua Vigo ou no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra en función do tipo de abono que se realice.

Aquelas persoas que desexen ter unha táboa de exercicio físico persoalizado poden optar polo programa Ponte en Forma, un plan deportivo cuadrimestral que ten en conta o estado físico dos participantes para aconsellar as mellores actividades en función dos obxectivos de cada un. Deste xeito, os interesados teñen liberdade para planificar os seus horarios e exercicios segundo as súas necesidades, realizando as actividades nas salas cardiofitness dos tres campus e podendo complementalas co emprego doutras instalacións deportivas coma piscina, a pista de footing ou actividades dirixidas. Esta actividade inclúe dúas revisións médico-deportivas de balde que se realizan ao comezo e ao remate do curso co fin de coñecer o punto de partida do usuario e avaliar, finalmente, a efectividade das actividades realizadas.

Bonos de uso puntual

O Servizo de Deportes tamén deseñou bonos de uso puntual dirixidos a persoas cunha boa saúde física e con coñecementos básicos sobre o uso das instalacións e a práctica de exercicio. Os bonos poden comprarse para uso individual ou para uso colectivo e o seu prezo oscila entre os 6, 12 ou 24 euros e os 8,4, 16,8 e 33,6 euros respectivamente e en función do número de pases adquiridos. Para o uso de instalacións coma as pistas de tenis, squash, tenis de mesa pistas polideportivas ou dos campos de herba artificial hai que facer unha reserva previa seguindo os pasos indicados na sección de instalacións da páxina web do Servizo de Deportes.