DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Sala X acolleu a inauguración da exposición 'Nivel Fértil'

Un exercicio de memoria sobre a represión franquista a través da arte

A mostra recolle as creacións dun historiador e da neta dun fusilado trala sublevación militar

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 05/06/2014

“Contribuír desde a arte a xerar unha memoria crítica que se enfronte ao discurso único que se nos impón” é o propósito fundamental de Nivel Fértil, a exposición inaugurada na tarde deste xoves na Sala X. Así o destaca a súa comisaria, Monse Cea, que coa idea de promover unha reflexión sobre as moitas vítimas anónimas da sublevación militar de 1936 e da ditadura do xeneral Franco, reúne neste espazo expositivo dúas visións “diferentes pero complementarias”, as de Marta Prieto, a neta dun mestre fusilado en 1937, e Jorge Varela, un historiador especializado na represión que sucedeu á Guerra Civil.

Por ese motivo, a exposición que ata o 18 de xullo se poderá contemplar nesta sala da Facultade de Belas Artes foi definida como “un exercicio de memoria dun dos períodos máis escuros da historia deste país” polo vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, na inauguración dunha mostra presentada como “unha reflexión a dúas bandas”.

Primeiro capítulo dun proxecto contra o anonimato

Destaca a comisaria desta exposición que a represión franquista “non é un tema que se aborde habitualmente, e menos desde a arte contemporánea”. Por iso, a súa concepción da arte como unha “fonte de creación crítica” levouna a propor en Nivel Fértil un “breve pero sentido achegamento a un complexo universo” marcado polas vítimas anónimas, “a memoria deturpada e o discurso único”. Un achegamento que, como explicou, constitúe “o primeiro capítulo” dun proxecto que busca fomentar un exercicio de memoria a través das creacións de “perfís que teñan lexitimidade”.

Nese perfil encádrase o artista plástico Jorge Varela, que como historiador ten afondado na figura dos represaliados trala Guerra Civil. A combinación das súas dúas facetas define a proposta que achega a Sala X, na que hai lugar tanto para unha serie de pezas que ofrecen “unha visión máis poética e que recordan ao lastre que levamos ás costas por un pasado acrítico”, como para unha proxección en vídeo que implica unha “visión máis crúa e próxima á documentación” e amosa unha serie de lugares da costa galega que foron escenario das represalias dos sublevados.

A outra metade do proxecto está composta polas achegas da artista Marta Prieto, neta de Nemesio Prieto, asasinado en 1937. Nunha proposta titulada Heredity-Herdanza, Prieto propón un “acto de purificación ritual” que xira en torno á escola que o seu avó construíu e que motivou a súa morte, segundo explica Cea. Faino a través da proxección dunha acción realizada no propio lugar no que se asentaba esta escola e que completa cunha serie de documentos do seu propio familiar, entre eles, a carta que Nemesio Prieto escribiu a súa familia desde o cárcere antes de ser fusilado.

Unha mostra que pon peche a unha etapa

A inauguración de Nivel Fértil tamén serviu ao vicerreitor para agradecer o “traballo incansable” da profesora Mar Caldas, que con esta exposición pon peche a tres anos á fronte da Sala X. Por ese motivo, a coordinadora deste espazo expositivo quixo amosar na súa intervención o seu “agradecemento a toda a xente coa que tiven a oportunidade de traballar” durante os tres anos que permaneceu á fronte deste espazo.

Preto de 20 exposicións e actividades “de todo tipo” son o balance da etapa de Caldas á fronte dun espazo que trata de exercer como “un vínculo entre o que se xera na facultade, nun sentido amplo, e a cidadanía”. Neste senso, Caldas salientou tamén o traballo realizado polo seu predecesor, Xosé Manuel Buxán, coa idea de que “a Sala X funcionase como unha sala profesional”. Con este obxectivo, este espazo acolleu ao longo deste período os traballos de “artistas de diferentes xeracións, tanto da Universidade como de fóra, así como de alumnos e ex-alumnos”. Fíxoo ademais prestando especial atención ás artistas, protagonistas de preto do 50% das exposicións, o que supón a porcentaxe máis elevada de todas as salas de exposicións de Galicia, lembrou Caldas.