DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O vindeiro martes desenvolverase neste centro a Xornada de Benestar 'Coñécete e Cóidate'

Exercicio para todos os públicos en CC da Educación e do Deporte

Ao longo do día o alumnado impartirá 14 clases prácticas gratuítas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
DUVI 09/01/2014

Tanto as persoas que non adoitan practicar deporte como aquelas que si o fan con regularidade e queren coñecer novas actividades e técnicas poderán atopar un programa de exercicio a súa medida na primeira Xornada de Benestar Coñécete e Cóidate, que se desenvolverá o vindeiro martes na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Os preto de 40 alumnos e alumnas da materia Programas de Exercicio Físico e Benestar, do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, exercerán nesta xornada como monitores nas 14 clases prácticas que, de xeito gratuíto, se ofrecerán ao longo do día a todas aquelas persoas que se acheguen ata o centro.

Entre as 10.00 e as 14.00 horas e das 16.00 ás 19.00 horas sucederanse na facultade unha serie de clases dunha hora de duración, impartidas polos alumnos e alumnas baixo a coordinación da profesora Tamara Rial. Actividades cuxa práctica está xa ten estendida como ioga ou pilates compartirán espazo neste día de portas abertas con outra serie de propostas menos coñecidas, como ximnasia hipopresiva, máis orientadas "a persoas cunha boa condición física que queiran coñecer técnicas anovadoras, xa de maior intensidade”, explica Rial. Pero ademais, no programa desta xornada tamén figuran outra serie de sesións especificamente dirixidas a un público concreto como son as clases de preparación física para o postparto.

Dúas opcións en cada momento

Nesta Xornada de Benestar, para que non é precisa inscrición previa, ofreceranse en todo momento dúas propostas alternativas, que se desenvolverán de forma paralela no pavillón e no tatami da facultade. Deste xeito, combínanse "as clases de maior intensidade con outras máis pausadas, máis dirixidas a persoas que queiran coñecer o que son os programas de exercicio físico e benestar", apunta Rial.

De feito, entre as 14 propostas programadas para esta xornada figuran actividades como ‘Goza dunhas costas sas”, especialmente enfocada a xente principiante, que poderá aprender unha serie de sinxelos exercicios que lles axudarán a corrixir posturas ou previr lesións musculares. Non en van, trátase dunha xornada “aberta a todo o mundo, na que o obxectivo é dinamizar á facultade, dar a coñecer o que fan os alumnos, que a xente vexa como dan clase e falar un pouco de actividade física e saúde”, como resume Tamara Rial. De aí que ademais de promover a práctica do exercicio, nesta xornada os estudantes que exerzan como monitores e monitoras tamén trasladarán aos asistentes “unha serie de pautas e de recomendacións de exercicios que poden facer”, engade a coordinadora da iniciativa.