DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Éxito de participación no Trofeo Universidade de Vigo de Orientación

O equipo local fíxose co primeiro posto na categoría Veteranos-B e co segundo no Veteranos-A

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 10/05/2011

Con máis de 330 corredores, esta pasada fin de semana a Serra do Galiñeiro foi un rebulir de atletas na procura da meta armados cun mapas e compás. O Trofeo Universidade de Vigo de Orientación acadou un enorme éxito de participación, con corredores por primeira vez provenientes de Portugal, que amosaron a súa sorpresa polo enorme seguimento da proba.

En total participaron 334 deportistas distribuídos en 9 percorridos e 24 categorías diferentes, entre oficiais e non oficiais, nunha xornada na que a climatoloxía non acompañou á celebración desta décima edición do trofeo, puntuable para a Liga Galega. A alta presenza de mulleres entre os participantes foi outra das sorpresas da xornada, representando arredor da metade dos corredores, que no seu total superaban en máis do 30% a afluencia de pasadas edicións.

Resultados para a Universidade

No tocante á clasificación, para o club Universidade de Vigo de Orientación os postos máis significativos foron a primeira praza en veteranos-B para Cristina Fernández López, o segundo posto acadado por Ana Iglesias Junzalvos en veteranos-A e o sexto posto na categoría Homes-21acadado por Vicente Pastoriza Santos.

O universitario volverá á competición esta próxima fin de semana en Arteixo para disputar o Campionato Galego de Orientación en Bicicleta de Montaña, tendo que agardar para a seguinte carreira a pé ata o 18 e 19 de xuño, datas nas que se disputará o Campionato Galego de Sprint, distancia media e longa, a primeira no casco histórico de Pontevedra, mentres que as outras dúas modalidades celebraranse no plano do Lago Castiñeira, en Monte Escusa.