DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Éxito de participación no VIII Trofeo Universidade de Vigo de Orientación

A adversa climatoloxía non impediu que se achegasen ata o Monte Galiñeiro 287 corredores

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
D. Besadío DUVI 30/11/2009
Pilar Veiga do USC Santiago de Compostela en damas elite e David Casado do Liceo A Coruña na categoría elite masculina foron os vencedores do VIII Trofeo Universidade de Vigo de Orientación celebrado esta fin de semana na Serra do Galiñeiro.
A proba, que estivo marcada por unha adversa meteoroloxía incluíndo choiva e sarabia en boa parte dos percorridos, reuniu a un total de 287 participantes, entre os que se incluíron tanto profesionais como afeccionados ao deporte de orientación. “Para nós é todo un éxito ver como ano a ano se incrementa o número de participantes”, salientou José Luis Armada, responsable do equipo de orientación da Universidade de Vigo, quen salientou que se está a experimentar “arredor dun 20% de crecemento anual no número de participantes”, indicou, ao tempo que lembrou que na primeira edición o número de corredores foi de arredor de 100. “É unha zona que lle gusta moito á xente e tivemos participantes de toda Galicia, sobre todo da Coruña e Ourense”, engadiu.

O equipo da Universidade acadou varios primeiros postos

En canto á clasificación, os mellores resultados para a Universidade de Vigo acadáronse na proba larga de iniciación, a que conta cun maior número de inscritos, cun primeiro posto para Alejandro Álvarez; en D-35, a máxima categoría de veteranos, onde Ana Iglesias acadou os mellores resultados, e en H-21B, a categoría na que se agrupan os mozos de entre 20 e 21 anos, Ricardo Figueroa, conseguiu tamén o mellor tempo para a Universidade viguesa.Fóra de concurso, Guillermo Malvido, conseguiu tamén unha excelente marca, así como, Gonzalo Fernández na proba con bicicleta.
Dende a organización destacouse tamén o amplo número de participantes que viñeron en familia, “en total contabilizamos un número próximo aos 60 nenos e nenas que puideron participar nunha proba de orientación paralela á oficial”, salientou Armada, quen tamén puxo de relevo o papel dos colaboradores e voluntarios que axudaron na organización e supervisión das probas, “preto de vinte persoas entre corredores da Universidade, colaboradores e xuíces”.