DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo universitario venceu ao Círculo Ferrolano na última xornada da División de Honra

O EXP-Universidade de Vigo pecha a tempada con vitoria

A pesares do triunfo, o conxunto pontevedrés cae ao cuarto posto na clasificación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
DUVI 30/04/2018

O Escola de Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo-Estratexia pola Paz pechou a campaña na División de Honra cunha vitoria cun certo sabor agridoce. Trala derrota da pasada semana diante do equipo da USC, que lle deixaba sen opcións de repetir título, o equipo universitario despediu a liga derrotando por 2-4 ao Círculo Ferrolano A. Un resultado insuficiente para manter na clasificación final o segundo posto que ocupaba ao inicio desta derradeira rolda da competición, dada as amplas vitorias logradas polos seus principais perseguidores, o Xadrez Ourense, que sumou o primeiro 0-6 da tempada fronte o Xadrez Tui; e o Xadrez Fontecarmoa que sumaba un 5,5-0,5 ante do Círculo das Artes de Lugo.

Deste xeito, o equipo universitario completa a liga con 40,5 puntos, fronte aos 49 do USC-A, campión do torneo, os 42,5 do Xadrez Ourense e os 41 do Fontecarmoa, trala disputa da décimo terceira e última rolda na Liga Galega 2018, que arroxa un balance de sete vitorias e cinco derrotas para os 13 equipos do EXP-Universidade de Vigo. Deste xeito, púñase o peche a unha “liga emocionante na que o equipo soubo repoñerse dun arranque errático e chegou con opcións serias de revalidar o título na recta final”, como salienta a modo de balance o capitán do equipo, Pablo García, quen sinala como o máis positivo da tempada o afianzamento de novas promesas como Alberto Portela, Miguel Senlle e David García, xunto coa incorporación de novos talentos do filial como Francisco Veiga, Pablo Vidal, Rubén Fernández e Miguel Rodríguez, cuxa media de resultados, lembra García, “é superior ao 72%”.

Unha tempada que, engade o capitán do EXP-UVigo, vén tamén marcada por dous “apuntes moi positivos” fóra do deportivo; que o equipo poida levar o nome do proxecto solidario Xadrez: Estratexia pola Paz, que desenvolven nos campamentos de refuxiados xirios de Xordania, e o seu traslado a unha novo local de xogo, a Casa da Luz en Pontevedra.

Sexta vitoria a domicilio

Na División de Honra, o equipo universitario pechou a liga como mellor equipo a domicilio, tras sumar en Ferrol a súa sexta vitoria fóra da casa. De feito, o equipo pontevedrés logrou vencer en todos os seus enfrontamentos como visitante, mentres que na casa acumulou un balance de dúas vitorias e tres derrotas.

Nun encontro complicado ante un candidato habitual ao título que se amosou moi irregular nesta tempada, o Círculo Ferrolano, o EXP-UVigo viu unha oportunidade para que os xadrecistas máis novos adquirisen unha maior experiencia. Así, os mestres internacionais e adestradores Daniel Rivera e Pablo García viaxaron a Ferrol cos candidatos a mestres Alberto Portela e Miguel Senlle e as promesas do filial Rodrigo González e Rubén Fernández, vixente campión galego sub14.

Promesas que amosaron o seu bo nivel neste enfrontamento, no que Fernández venceu ao seu contrincante cun xogo táctico de ataque directo ao rei, e no que a González non lle tremeu o pulso nun final de partida con moi pouco tempo, sumando outra vitoria para os visitantes. A estes dous triunfos engadiuse o logrado por Daniel Rivera nunha partida na que demostrou unha técnica moi superior ao do seu rival e as táboas acadadas por Alberto Portela e Miguel Senlle. A única derrota para o EXP-UVigo chegara no primeiro taboleiro, no que Pablo García, que, dada a necesidade de sumar puntos para manter a segunda posición, rexeitou as táboas ofrecidas polo seu rival na busca dunha vitoria que finalmente non chegou.