DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo pontevedrés caeu por 1,5-4,5 fronte aos composteláns, que gañan o título autonómico

O EXP-UVigo cae ante o USC e despídese do campionato

O conxunto universitario mantense en segunda posición, empatado co Xadrez Ourense

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
DUVI 24/04/2018

Na penúltima xornada da competición na División de Honra do xadrez galego, a Casa da Luz acolleu a pasada fin de semana o enfrontamento entre o primeiro e o segundo clasificado na División de Honra do xadrez galego, que deixou ao Escola de Xadrez-Pontevedra-Universidade de Vigo-Estratexia pola Paz sen opcións de repetir o título acadado a pasada tempada. O equipo pontevedrés chegaba a esta xornada con catro puntos de desvantaxe con respecto do seu rival, o equipo da USC, que logrou matematicamente o campionato grazas á súa vitoria por 1,4-4,5.

Na que foi a terceira derrota da tempada para o EXP-UVigo, as tres sumadas como locais, o equipo pontevedrés viuse sorprendido pola aliñación do Gran Mestre alemán Jan-Michael Sprenger, a fichaxe estrela do USC, co que non xogara ata esta xornada e cuxa incorporación botou por terra boa parte da planificación previa do equipo de Pablo García. Esa sorpresa inicial converteuse pronto en tanxibles desvantaxes para os xogadores do equipo pontevedrés, nun consumo de tempo moito maior que os dos rivais e en decisións arriscadas. E os composteláns non desaproveitarían esas vantaxes. Nos catro taboleiros nos que dispuñan dun mellor ranking ELO, os visitantes sumaron 3,5 dos seus 4,5 puntos, derrotando aos pontevedreses Miguel Senlle, Pablo García e Víctor Miguel, vitorias visitantes ás que se sumou tamén o tropezo de Daniel Rivera diante de Daniel Fernández.

As únicas notas positivas chegarían pois no primeiro taboleiro, no que Alberto Portela lograba unhas meritorias táboas ante Sprenger, e na partida de Fransico Veiga, que acadaba ante Manoel Rodríguez a única vitoria local.

Empatados en segundo lugar

Tras unha xornada que deixa un balance de cinco vitorias, seis derrotas e un empate para os tece equipos do EXP, o conxunto de División de Honra mantense na segunda posición da táboa con 36,5 puntos, empatado con Xadrez Ourense e un por riba do Xadrez Fontecarmoa e do Xadrez Tui A. Unha clasificación moi apertada que obrigará aos de Pablo García a lograr un bo resultado na súa visita ao Círculo Ferrolano na última xornada, co propósito de rematar a competición na posición máis alta posible da táboa clasificatoria.