DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No encontro disputado na Casa da Luz derrotaron pola mínima ao Xadrez Rianxo

O EXP-UVigo-Estratexia pola Paz obtén o seu primeiro triunfo como local

O segundo triunfo consecutivo lévaos a un triplo empate no terceiro posto da clasificación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
DUVI 05/03/2018

A terceira foi a vencida. O Escola de Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo- Estratexia pola Paz logrou esta fin de semana na súa nova sede na Casa da Luz a súa primeira vitoria como locais na Liga Galega de Xadrez. Fíxoo derrotando por un axustado 3,5-2,5 ao Xadrez Rianxo, resultado que permite ao equipo universitario sumar un total de 18 puntos que o levan a compartir terceiro posto co Xadrez Tui e o Xadrez Fontecarmoa, tres equipos que se sitúan a 3,5 puntos do líder da categoría, o Xadrez Ourense, despois da súa ampla vitoria fronte ao Círculo das Artes de Lugo.

Por taboleiros, Alberto Portela e Pablo García lograron sendas táboas nos, a priori, dous enfrontamentos máis difíciles desta rolda, os que os levaban a medirse a dous excampións galegos absolutos como Fernando Sánchez Aller e Marcial García Carbó. Portela, con brancas, comezou liderando un enfrontamento que finalmente rematou en reparto de puntos, mentres que un erro na apertura de Pablo García, levaba ao capitán do EXP-UVigo-Estratexia pola Paz a tentar lograr unhas táboas in extremis, chegando mesmo a dispor dunha vantaxe final que non puido transformar.

Máis sinxelos resultaron os taboleiros do mestre Daniel Rivera e de David García, que non perdoaron os erros dos xogadores de Rianxo e acadaron dúas cómodas vitorias. No quinto taboleiro, o mozo Pablo Vidal volvía a competir co primeiro equipo, comezando co bo pé o seu enfrontamento e logrando unha vantaxe que podería ter sido decisiva pero que, por mor de varios erros non forzados, non puido aproveitar e rematou sendo superado polo xogador visitante. Por último, no sexto taboleiro, Miguel Rodríguez sumou unhas novas táboas para o equipo universitario ante o venezolano Javier Rodrigues, nunha partida na que ningún dos dous contendentes logrou desequilibrar a posición.

O momento de medirse o líder

Tras unha xornada na que os equipos do EXP-Universidade de Vigo sumaron un balance de dez vitorias, dúas derrotas e un empate, ao primeiro equipo correspóndelle a vindeira xornada render visita ao primeiro clasificado, o Xadrez Ourense, nun enfrontamento no que podería debutar co equipo ourensán o vixente campión de España absoluto, o Gran Mestre Iván Salgado.