DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O primeiro equipo do club universitario derrotou por 4,5-1,5 ao Alexandre Bóveda

A EXP-UVigo mantén as súas opcións de alzarse co campionato galego tras unha nova vitoria

Mantense en segunda posición a un punto do líder

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 24/04/2023

O primeiro equipo da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo mantén as súas opcións por loitar polo título autonómico na máxima categoría da Liga Galega de Xadrez tras vencer esta fin de semana ao Alexandre Bóveda A (4-5-1,5). Tras a disputa da sétima xornada, o EXP- UVigo Xadrez: Estratexia pola Paz continúa no segundo posto da táboa, con 28 puntos, un menos que o líder, o Benchosey de Pereiro de Aguiar. Isto fai que prever unha “apaixonante loita” polo título autonómico, como recoñecen desde o club universitario, que avantaxa só en medio punto ao terceiro clasificado, o Xadrez Fontecarmoa de Vilagarcía, e en dous ao vixente campión galego, o Xadrez Ourense.

Nesta fin de semana, o equipo que capitanea Pablo García recibía na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte ao último clasificado da máxima categoría e facíao co obxectivo de sumar o maior número de puntos posible para manterse na loita polo campionato. Claro favorito, o equipo pontevedrés medíase a un Alexandre Bóveda que facía historia nesta tempada no xadrez galego, ao ser a primeira vez que cinco mulleres forman parte dun equipo da máxima categoría. Ao seu enfrontamento co equipo coruñés, a EXP-UVigo chegaba coas baixas de Alberto Portela e Daniel Rivera, que foron cubertas por Juan Manuel Martinez e o debutante David Fernández, membro do equipo olímpico español de xogadores con discapacidade visual. Martínez foi, de feito, o responsable de abrir o marcador para o conxunto local, mais pouco despois chegaba a derrota de Fernández, que non tivo sorte na súa estrea co primeiro equipo. Pouco despois, Rubén Fernández volvía situar por diante aos universitarios, tras derrotar á mestra cubana Karla Fernández. Non o tivo tan doado na súa partida Víctor Miguel, que só puido sumar un empate, ao que logo se sumou o triunfo de David Sobrino, completándose o marcador final coa vitoria de Pablo García. 

Tras esta xornada, a EXP-UVigo vivirá o vindeiro sábado a “primeira das catro finais” que lle quedan por diante na loita polo título galego, coa súa visita ao Círculo Chantadino, que conta nas súas filas cos grandes mestres Aleksa Strikovic e Vladimir Petkov.

Ascenso do EXP-Concello de Pontevedra

Ademais deste resultado, os equipos da EXP-UVigo nas diferentes categorías da Liga Galega sumaron outros catro triunfos, un empate e unha derrota nesta sétima xornada. Destes resultados resalta o acadado polo EXP-Concello de Pontevedra, de Terceira División, que sumou un empate ante o líder do seu grupo, o Academia Enot, que lle garantiu unha das prazas da ascenso directo á segunda categoría. A competición en terceira, onde tamén participaron os equipos EXP-Zona Informática, EXP-Universidade de Vigo e EXP-Chess Cares, pechouse nesta xornada, mentres que outros tres conxuntos do club universitario iniciaran a vindeira semana a súa participación na Cuarta División.