DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Venceu á Escola Luguesa de Xadrez por 3.5-2,5

A EXP-UVigo perde o liderado da División de Honra pese a sumar un novo triunfo

Sitúase segunda, a medio punto do Benchosey de Pereiro de Aguiar

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 17/04/2023

Tras o parón da semana santa, esta fin de semana retornou a competición á Liga Galega de Xadrez, coa disputa da súa sexta xornada, á que o primeiro equipo da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo chegaba como líder da División de Honra, despois da súa vitoria por 0-6 diante do Círculo Ferrolán. O equipo universitario sumou nesta xornada un novo triunfo, desta vez pola mínima, diante da Escola Luguesa de Xadrez (3,5-2.5), mais este resultado non lle permite continuar á fronte da clasificación da máxima categoría do xadrez galego. Os resultados desta rolda de competición sitúan de novo como líder ao Benchosey de Pereiro de Aguiar, con medio punto de vantaxe sobre o EXP-UVigo Xadrez: Estratexia pola Paz, que cae ao segundo chanzo da táboa.

Como “o encontro máis traballado da tempada” definen desde o club pontevedrés o seu enfrontamento desta fin de semana fronte ao equipo lucense, que tivo lugar na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Como sinalan desde a EXP, o equipo visitante chegou ao campus con novas fichaxes, como o mestre holandés Siem Van Dael, que alteraron á orde dos taboleiros “sorprendendo” aos universitarios. Non obstante, o Estratexia pola Paz reaccionou rápido e as vitorias do capitán Pablo García e de Daniel Rivera abrían o marcador cun 2-0 para os locais. Non obstante, a “presión do reloxo” foi torcendo aqueles taboleiros nos que os pontevedreses “contaban cunha vitoria vantaxe” e tras estas vitorias chegaban as derrotas de David Sobrino, a primeira no que vai de liga, e Víctor Miguel. Rubén Fernández, pola súa banda, pechou a súa partida cunhas táboas que deixaban todo igualado á falta dun único taboleiro, o que medía a Alberto Portela con Van Dael. O xogador da EXP-UVigo non fallou e o equipo universitario sumou a súa cuarta vitoria da tempada.

A vindeira fin de semana, o equipo universitario recibirá ao Alexandre Bóveda, último clasificado nesta División de Honra, nun enfrontamento que se presenta como “unha moi boa oportunidade de recuperar o mando da clasificación xeral", recoñecen. 
    
Alén da máxima categoría, os equipos da EXP-UVigo sumaron un balance de tres vitorias, dous empates e dúas derrotas nesta sexta xornada da Liga Galega, na que tamén gañaron o EXP-Concello de Pontevedra e o EXP-Zona Informática, ambos de Terceira División.