DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Venceu a domicilio ao Xadrez-Ourense por 1,5-4,5

O EXP-UVigo presenta a súa candidatura a repetir título dobregando ao líder

O equipo universitario sitúase en terceiro lugar a punto e medio do primeiro clasificado

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
DUVI 12/03/2018

Tras un inicio dubitativo, o Escola de Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo-Estratexia pola Paz continúa a dar mostras de porque é o vixente campión galego. Despois de encadear dous trunfos consecutivos, o equipo universitario sumou esta fin de semana un valioso triunfo na súa loita por escalar posicións na táboa clasificatoria. Cun claro 1,5-4,5, o EXP-UVigo superaba na súa casa ao ata entón líder da competición autonómica, o Xadrez Ourense, o que permite ao equipo pontevedrés afianzarse no terceiro posto da clasificación, a só medio punto dos ourensáns e 1,5 puntos do novo líder da categoría, o equipo da USC.

Tres vitorias e tres empates

O conxunto universitario chegaba a esta sexta xornada da competición autonómica con 3,5 puntos de desvantaxe respecto dos ourensáns, que concorreron a este enfrontamento sen o seu número un e vixente campión de España, o Gran Mestre Iván Salgado. Aínda así, o equipo local concorreu a esta rolda cos seus mellores xadrecistas, como amosou a igualdade vivida nos dous primeiros taboleiros. Neles, Alberto Portela e Miguel Senlle non puideron pasar das táboas fronte aos mestres portugueses Jorge Viterbo e André Sousa.

No terceiro, o capitán do EXP-UVigo, Pablo García, soubo reporse dunha inferioridade inicial e saír vitorioso nun complexo final de partida, mentres que Daniel Rivera sumaba o terceiro empate da xornada no cuarto taboleiro. Foi no quinto e sexto nos que chegaron as novas alegrías para o equipo visitante. Por unha banda, Víctor Miguel foi quen de aproveitar un erro da súa rival, a ex-campioa de España absoluta Yudania Hernández, para sumar un novo punto para o equipo universitario, ao que houbo que engadir o logrado, no seu debut co primeiro equipo Francisco Veiga. Con só 14 anos, este xadrecista, que se incorporou este ano ao equipo tras participar no Campus Internacional Ramón Escudeiro Tilve, ostenta actualmente o número 1 sub 16 de Portugal e número 33 do mundo entre os e as xadrecistas nacidos en 2003 e acaba de lograr a súa primeira norma de Mestre Internacional no Aberto de Sevilla.

O vindeiro sábado 17 de marzo, o equipo pontevedrés tentará continuar nesta boa liña no encontro que os medirá, na Casa da Luz, ao Círculo Chantadino de Xadrez