DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na cuarta da Liga Galega, dobregou ao Liceo Ourense sumando 5,5 puntos dos seis posibles

O EXP-UVigo-Xadrez Estratexia pola Paz logra unha ampla vitoria a domicilio

O triunfo permítelle ascender ata a cuarta posición na táboa clasificatoria

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
DUVI 26/02/2018

Unha semana despois de sufrir a súa segunda derrota da tempada, fronte ao Xadrez Tui A, na xornada de estrea da súa nova sede en Pontevedra, o EXP-UVigo-Estratexia pola Paz comeza a corrixir o seu errático arranque de tempada coa súa segunda vitoria a domicilio da tempada. Foi na casa do Liceo Ourense, ao que superou por 0,5-5,5, marcador que deixa claro a superioridade do equipo universitario nun enfrontamento no que amosaron o seu potencial as novas promesas do equipo, como Alberto Portela, que logrou un empate fronte ao Mestre Internacional cubano Arián González ou Pablo Vidal, que pechou con vitoria o seu debut co primeiro equipo.

Xunto a Vidal, tamén lograron vitorias cómodas, nos taboleiros 4 a 6, Daniel Rivera e Víctor Miguel, deixando así o encontro casi encarrilado para o equipo pontevedrés. Maior incerteza viviuse nos primeiros tres taboleiros, nos que “un consumo excesivo” de tempo levou a Miguel Senlle e a Pablo García a resolver as súas partidas “baixo a presión do reloxo”, segundo relata este último. Mais ambos foron quen de evitar erros nos seus enfrontamentos, sumando dous novos puntos, aos que se engadiron as táboas logradas con negras por Alberto Portela, fronte a Arián González, “forzando un final técnico no que hai que ser moi preciso para alcanzar o empate e executándoo á perfección”, salienta o capitán do equipo, Pablo García.

Acúrtanse as distancias na parte alta da táboa

Esta contundente vitoria permite ao Escola de Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo situarse en cuarto lugar na clasificación, con 14,5 puntos, só por detrás do Xadrez Tui, con 16,5; Xadrez Ourense, con 16; e CX Fontecarmoa de Vilagarcía, con 15, e medio punto por riba do equipo da USC, quinto clasificado. Cinco equipos pois situados nunha “estreita marxe de 2,5 puntos”, o que fai presaxiar, como salienta Gaarcía, “que presenciaremos unha das ligas máis disputadas dos últimos anos”.

A vindeira fin de semana, o EXP-UVigo-Xadrez Estratexia pola Paz volverá exercer como local, recibindo na Casa da Luz ao Club Xadrez Rianxo, décimo clasificado.