DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os investigadores desta campaña regresan este domingo a Vigo

A expedición Catarina constata a variabilidade oceanográfica e climática do Atlántico Norte nos últimos 100.000 anos

Nos vindeiros meses analizarán as preto de 4000 mostras recollidas en 19 días a bordo do Sarmiento d

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 10/08/2012

Despois de 19 días de singradura polo océano Atlántico na procura dos segredos do funcionamento do cambio climático, a expedición Catarina-Paleoacid volve este domingo a pisar terra en Galicia. A bordo do Sarmiento do Gamboa partiron de Terranova o pasado 24 de xullo para estudar a variabilidade oceanográfica e climática do Atlántico Norte. As análises preliminares dos 35 metros de sedimentos recollidos en total permiten ao equipo constatar esta variabilidade no hemisferio norte no transcurso dos últimos 100.000 anos.

Ao fronte desta campaña está o director do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio da Universidade, Guillermo Francés, que coordina aos 18 investigadores participantes, maioritariamente da Universidade de Vigo. Este grupo tomou o relevo do equipo da primeira fase deste proxecto, formado por investigadores do CSIC e do instituto francés Ifremer. Francés explica que nesta segunda parte do proxecto “cumpríronse plenamente os obxectivos científicos planificados, obtendo mostras de auga e sedimentos do fondo mariño a profundidades entre 3000 e 4000 metros en seis puntos do Atlántico Norte comprendidos entre 43º e 55º de latitude norte”. Ademais das análises preliminares, gran parte do material extraído foi procesado a bordo mediante unha mostraxe de alta resolución, obténdose máis de 4000 mostras cos que se traballará en laboratorio nos vindeiros meses.

As respostas do pasado

Co planeta inmerso nun proceso de cambio climático, faise necesario estudar como se transforma o sistema “para poder cuantificar que parte do cambio actual se debe a causas naturais e que parte a causas antrópicas , provocadas polo home”, asegura Francés. E moitas destas respostas están no pasado, nos sedimentos do fondo do océano. Como apunta o científico, durante as glaciacións e noutros períodos fríos, correntes da Antártida, ricas en CO2 e moi ácidas e agresivas, foron gañando presenza no Océano Atlántico. Esta investigación trata de desvelar como se produciu este fenómeno, a que profundidade afectou e con que intensidade, factores aínda pouco estudados. Por esta razón, esta segunda fase do proxecto Catarina-Paleoacid, céntrase no efecto da acidificación sobre os microorganismos calcáreos do plancto, xa que os sedimentos oceanográficos profundos constitúen un elemento clave para reconstruír como evolucionou o funcionamento dos océanos e o clima terrestre.

O principal problema que existe é que parte dese CO2 antropoxénico emitido á atmosfera está sendo absorbido polo océano, derivando nun aumento considerable dos niveis de acidificación dos mesmos e “facendo que moitos grupos de organismos que xeran as súas cunchas con bicarbonato clásico, que se disolve dun xeito sinxelo nun entorno ácido, comecen a ter problemas para a súa reprodución e desenvolvemento”, indica Francés.

Do mar ao laboratorio

As mostras coas que os científicos volven a terra este domingo, serán o material de traballo para os vindeiros meses. Empregaranse gran variedade de técnicas de diversa natureza que permitirán obter novos datos sobre a dinámica das augas superficiais e profundas do Atlántico Norte e as súas alteracións como consecuencia dos drásticos cambios climáticos que experimentou o planeta dende o último período cálido, hai 120.000 anos. En particular, o traballo centrarase nas condicións que determinan que os microrganismos con cunchas de carbonato cálcico “se preserven no fondo oceánico ou, polo contrario, se disolvan parcial o totalmente”.

O proxecto Catarina

Catarina-Paleoacid (Carbon Transport and Acidification Rates in the North Atlantic) é un innovador proxecto que ten como obxectivo estudar a perturbación oceánica e as súas consecuencias en resposta ao aumento do CO2 atmosférico debido ás actividades humanas. A finalidade é cuantificar os cambios na gran Circulación Termohalina do Atlántico Norte e na ventilación das masas de auga, e os seus efectos nos cambios na captación do carbono antropoxénico e na capacidade de almacenamento dos océanos. A estimación desta variabilidade, segundo os investigadores, “é esencial para avaliar escenarios futuros de cambios climáticos”.

O proxecto Catarina é parte dun experimento decenal que comezou en 1997 cunha mostraxe ao longo da sección hidrográfica e xeoquímica A25, dende Groenlandia a Portugal, repetida cada dous anos dende 2002 no marco do proxecto OVIDE.