DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Javier Hernández, da Universidade de Vigo, e Dorrik A.V. Stow, Heriot Watt University, coordinan o p

Unha expedición internacional busca respostas ao cambio climático nas profundidades do Golfo de Cádiz

Partirán das Azores o día 17 buscando pegadas dos cambios pasados no clima e na circulación oceánica

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 09/11/2011
Na profundidade dos océanos atópanse respostas a moitos dos retos que a humanidade ten por diante. Un dos máis preocupantes a curto prazo é o cambio climático, que pode mudar as condicións de vida do planeta. A través do estudo de alteracións no clima no pasado pódense atopar as claves para comprender, e incluso atallar, os problemas de quecemento global do planeta. Isto é o que se propón a expedición 339 do IODP, comandada polo profesor da Universidade de Vigo Javier Hernández-Molina e polo da Heriot Watt University, Dorrik A.V. Stow, dous investigadores de prestixio internacional na exploración mariña profunda.

O vindeiro 17 de novembro partirán das Azores cara ao Golfo de Cádiz e o oeste de Portugal a bordo do buque de perforación e investigación máis sofisticado do mundo, o JOIDES Resolution, para embarcarse nunha das expedicións máis ambiciosas dos últimos anos neste campo.

Plan de traballo da 339 do IODP

O buque JOIDES Resolution navegará sobre a unión entre a placa tectónica africana e a europea para que os científicos exploren os sedimentos entre o fondo mariño profundo e este límite de placas. Aquí, a escura tranquilidade do fondo oceánico está alterada pola acción da masa de auga mediterránea que sae polo Estreito, pola presenza de enormes vales erosivos submarinos e polo frecuente escape de fluídos a través de fracturas activas e suaves montículos de lodo. “Nos últimos anos foi posible cartografar o fondo submarino do Golfo de Cádiz e o oeste de Portugal, pero nunca antes se obtiveron sedimentos máis aló dos primeiros metros baixo o fondo mariño, e nunca se perforou nunha exploración científica”, afirma o profesor Stow. Por iso, coinciden con Hernández-Molina en que, cando o barco se sitúe no primeiro punto de perforación, “estaremos sobre algo desafiante e completamente descoñecido”.

“As mostras de sedimentos do fondo mariño proporcionan información moi valiosa sobre como funciona na actualidade o noso Planeta e de como o fixo no pasado”, explica o investigador vigués, xa que conteñen o rexistro e as evidencias dos antigos cambios climáticos, terremotos, volcáns e tsunamis e da natureza e evolución da vida na Terra. Esta expedición, da que forman parte 34 investigadores de 13 nacionalidades, enmárcase no programa IODP (Integrated Ocean Drilling Program), "o máis importante que existe en xeoloxía mariña no mundo”, apunta o investigador vigués.

Obxectivos para cumprir en dous meses

O primeiro dos obxectivos da expedición está relacionado coa apertura do Estreito de Xibraltar. Sábese que se pechou hai 6 millóns de anos, pero non exactamente cando se volveu abrir para que as augas atlánticas inundaran novamente o Mediterráneo, aínda que apuntan a hai 5 millóns de anos. Esta expedición tentará botar luz sobre a data e sobre as consecuencias nas correntes, salinidade e temperatura da auga e na erosión dos fondos mariños. Tratarase tamén de arroxar luz sobre a fervenza descendente de 1000 metros que constitúe a masa de auga mediterránea de saída, cunha caída superior á da maior cascada da Terra, o Salto do Anxo, en Venezuela.

No tocante ao impacto no clima global, esta investigación determinará as consecuencias dos dous millóns de metros cúbicos por segundo de auga que se verten do Mediterráneo ao Atlántico. Esta corrente crea unha masa de auga que chega ata o Mar de Noruega, un dos lugares do Planeta nos que se xera a circulación mariña profunda, o gran motor que axuda a moderar o clima terrestre global, que semella estar en desaceleración. Na expedición tratarase de confirmar que a masa de auga mediterránea constitúe un importante elemento que mantén activo de forma correcta o motor do clima global.

O terceiro obxectivo está relacionado coas variacións no nivel do mar e a evolución sedimentaria provocada pola “silenciosa pero continua cascada que xera a auga mediterránea de saída que circula no Golfo de Cádiz” e que deu lugar a depósitos que poderían constituír a maior extensión de areas nos ambientes mariños profundos. A perforación de ata 1500 metros de profundidade destes depósitos permitirá coñecer as súas características e o “impresionante e detallado rexistro que conteñen das variacións na intensidade do fluxo da corrente durante os últimos 5 millóns de anos”, relacionados con cambios climáticos e variacións do nivel do mar. “Reconstruír o rexistro destes cambios naturais será un dos obxectivos fundamentais da expedición e axudarán sen dúbida a ter unha mellor idea dos posibles cambios naturais no futuro”, indican.

Outro dos obxectivos deste proxecto de investigación está relacionado coa actividade tectónica recente e a evolución dos fondos submarinos nesta zona. Esta presión condiciona importantes procesos de migración de fluídos, incluído gas, que xeran construcións como volcáns de lodo e proporcionan un hábitat único para certas comunidades bentónicas submarinas de singular interese.

Finalmente, realizarase un sondaxe para proporcionar o rexistro mariño máis completo sobre os cambios climáticos no pasado máis recente, durante os últimos 2,6 millóns de anos da historia da Terra. Este arquivo climático mariño será esencial para compáralo cos obtidos nas plataformas de xeo de Groenlandia e a Antártida, así como cos numerosos rexistros climáticos continentais. A finalidade é investigar os períodos de cambios climáticos rápidos, en gran medida comparables ao rápido quentamento global actual, para comprender o que pode acontecer no futuro.

Unha vez en terra

Tras dous meses de traballo ininterrumpido a bordo do JOIDES Resolution, o proxecto continuará en terra. “Cando o grupo de investigación volva a Lisboa o 17 de xaneiro de 2012, algunhas das preguntas científicas plantexadas poderán ter resposta, pero estamos seguros de que xurdirán outras novas”, engaden os investigadores. Os primeiros resultados máis relevantes publicaranse en revistas internacionais de prestixio tras a expedición, pero agardan dous ou tres anos de intenso traballo nos laboratorios das institucións de todo o mundo implicadas na investigación, aos que se unirán máis científicos tras a expedición.

Profesores, estudiantes, educadores e divulgadores científicos, museos e público en xeral poden seguir a expedición no
visitando a súa página Web. Tamén se poden solicitar conferencias e visitas guiadas por videoconferencia en tempo real ao buque.