DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O sistema telemático italiano é analizado como exemplo a seguir

Do expediente en papel ao dixital, paso fundamental para axilizar a xustiza española

O campus celebra a xornada ‘A formación do xurista europeo no contexto dun novo dereito global’

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 09/12/2010
“Aínda temos os expedientes en papel e non en formato dixital. Este proceso en España estase só iniciando cando debería ser xa unha realidade, que axilizaría de forma impresionante a nosa administración de xustiza”. Este é segundo a profesora de Dereito Procesal da Universidade de Vigo, Inés Iglesias, o reto fundamental que enfronta o desbordado sistema xudicial español que se contrapón ao modelo italiano que nas cidades onde está plenamente implantado, como Milán, consegue resolver expedientes nun só día.

Iglesias xunto á tamén profesora de Dereito Romano da Universidade de Vigo, María José Bravo Bosch, coordina este xoves e venres na Facultade de Dereito a xornada A formación do xurista europeo no contexto dun novo dereito global na que se analizan os cambios que impón na formación deste colectivo o avance tecnolóxico, a implantación do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) e o desenvolvemento do dereito europeo, os temas a analizar polos expertos españois e italianos reunidos en Ourense.

O proceso civil telemático italiano como un modelo a seguir centrou a intervención de Iglesias que sinalou que este sistema permite unha xestión integral e integrada da documentación producida no ámbito de calquera procedemento contencioso civil en forma dixital ou telemática. “Italia ten realizado un traballo extraordinario de modernización da administración de xustiza, chegando a resolver procesos nun só día e reducindo custes de tempo e diñeiro dun xeito impresionante”, salienta a profesora.

Para que España se achegue a este mellor funcionamento da xustiza, Iglesias apunta tres eixes fundamentais: a tecnoloxía, a modernización da administración de xustiza e a descarga de traballo do xuíz no secretario. “España centrouse no desenvolvemento deste último punto e deixou algo aparcados os dous primeiros polo que aínda hoxe seguimos co expediente en papel e non estamos no dixital”. Sobre as vantaxes deste modelo, apunta fundamentalmente a significativa redución dos tempos procesais, que sempre teñen caracterizado negativamente ao sistema xudicial, a facilidade para o tratamento e acceso á información e a deslocalización da actividade procesal.

Novos contextos, novas metodoloxías

Ademais de coñecer os retos tecnolóxicos que os futuros xuristas terán que enfrontar, as xornadas abordan os cambios que na súa formación teñen a implantación do EEES e o dereito europeo. Mónica Siota, vicedecana da Facultade de Dereito, salienta neste punto “a importancia de coñecer en detalle o novo modelo de aprendizaxe que impón o EEES, pois aínda son moitas as ferramentas deste modelo que descoñecemos, e a importancia de que o dereito comunitario sexa parte básica da formación dos novos xuristas”.

Pola súa banda, María José Bravo Bosch, profesora de Dereito Romano e tamén organizadora do curso, fai fincapé na importancia de que no novo EEES “a formación ten que ser máis práctica, menos teórica, e máis global, como corresponde a un novo marco europeo”. Nesta nova metodoloxía, a profesora salienta a importancia que terá na formación dos xuristas o uso das novas tecnoloxías, o traballo cooperativo informal e formal e a comunicación.

Expertos españois e italianos

O curso continuará este venres día 10 con convidados de universidades italianas e españolas, que achegarán a súa experiencia. O profesor Remo Caponi, da Universidade de Florencia, afondará na construción dun dereito común europeo e o profesor Vicenzo Durante, da mesma universidade, abordará os novos itinerarios formativos no dereito. Xa para rematar o encontro, o profesor Juan Alfredo Obarrio, da Universidade de Valencia, achegarase ao novo dereito europeo desde a perspectiva do Dereito Romano e a profesora da Universidade do País Vasco, Esperanza Osaba, falará sobre as competencias asociadas ás habilidades comunicativas nos estudos de dereito desde unha perspectiva de futuro.

O encontro celébrase no salón de graos da Facultade de Dereito e está organizado pola Área de Dereito Romano e Dereito Procesal da Universidade de Vigo.