DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A matrícula permanecerá aberta do 15 ao 26 de febreiro

Experiencias para todos os sentidos nos obradoiros do segundo cuadrimestre

Con música, teatro, danza, cociña, relaxación, informática, mecánica, voluntariado e fotografia

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 12/02/2010

Tras os exames e coa chegada da primavera as actividades extraacadémicas preséntase como unha interesante alternativa de ocio mediante un amplo programa de obradoiros que a Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes ofrece para o segundo cuadrimestre. Dende música e danza ata formación en temas de voluntariado, teatro, fotografía, cociña, mecánica ou informática.
O prazo de matrícula ábrese este vindeiro luns ata o día 26 deste mes de febreiro sendo en total 13 os obradoiros entre os que pode elixir a comunidade universitaria. As novidades para este cuadrimestre son dous cursos centrados no campo do voluntariado e o asociacionismo e outro de danza contemporánea.
No primeiro dos casos trátase dun obradoiro sobre Voluntariado, deporte e eventos deportivos que comezará o día 2 de marzo co obxectivo de formar aos estudantes neste campo específico do voluntariado e está pensado “para a súa capacitación de cara á celebración no campus da carreira 10 km Cidade Universitaria en marzo, así como do Forum FISU e o Mundial Universitario de Taekwondo a finais de xuño e principios de xullo”, segundo explica a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Mª Carmen Cabeza. 15 días máis tarde, o 17 de marzo, botará a andar a outra das novidades deste eido, un obradoiro de Introdución á dirección e xestión de asociacións, co fin de desenvolver as capacidades básicas para a xerencia de asociacións. Este é un tema moi acaído, segundo apunta Alfonso Caride, técnico de Actividades Culturais, “tras os cambios na lei sobre asociacionismo”, para axudar a todos aqueles que teñan ou queiran poñer en marcha unha asociación.
A terceira novidade deste cuadrimestre é a Danza contemporánea: danzando co corpo, taller que impartirá Olga Cameselle “Lez”, coreógrafa coa vista posta en “montar unha peza coreográfica para a Miteu”, puntualiza Caride. Con inicio o 2 de marzo, este obradoiro terá unha duración de 30 horas para ofrecer un achegamento á danza dende unha perspectiva contemporánea tanto no campo físico-técnico como na exploración do espazo e a creación artística.

Música, danza e teatro

O programa de actividades comprende unha ampla oferta de actividades que, ano tras ano, teñen demostrado a súa boa acollida entre a comunidade universitaria. Entre eles están os cursos de guitarra, tanto de nivel inicial como avanzado, así como o de danzas do mundo, no que os asistentes poderán achegarse ás danzas populares tanto doutos países do mundo como doutras rexións de España.
Dentro do campo artístico, impartirase tamén un obradoiro de posta en escena dunha obra teatral, baixo a dirección de Pepa Barreiro, de Teatro de Ningures. Este curso é unha continuación do do primeiro cuadrimestre, polo que a matrícula está unicamente aberta para os que xa participaran no anterior. Continuarán deste xeito coa montaxe dunha obra que será representada dentro da programación da Miteu e as clases comezarán o primeiro de marzo.

Cociña, relaxación, mecánica e informática

Pero a oferta dos obradoiro inclúe propostas para todos os gustos polo que, en colaboración coa escola de hostalería Harina Blanca, repetirá no segundo cuadrimestre o obradoiro de cociña básica no que os asistentes aprenderán a preparar todo tipo de receitas, dende caldos ata paella, pasando pola pescada, a lasaña ou a menestra e rematando con sobremesas. As clases serán os sábados pola mañá, dedicándose unha última xornada á preparación de cócteles e aperitivos.
Outro dos obradoiros que repite ensinará aos participantes técnicas de relaxación a través do tacto mediante distintos tipos de masaxes, mentres que no de mecánica poderán achegarse ao funcionamento do motor dun automóbil é á electrónica aplicada á automoción pero “tamén á seguridade viaria”, segundo apunta o técnico de Actividades Culturais.
Finalmente as propostas de actividades para os vindeiros meses comprende un obradoiro de fotografía dixital, que abrangue tanto coñecementos da cámara como do ordenador; outro de introdución ao software libre e GNU/Linux e un de modelado 3D en contornas virtuais.

Prazos e requisitos de matrícula

O prazo de matrícula para os obradoiros ábrese este luns e pecharase o vindeiro 26 de febreiro cun prezo de 40 euros para o público en xeral, 30€ para membros da comunidade universitaria e 20€ para bolseiros, agás o de cociña, que varía entre 60€, 45€ e 30€. Os de voluntariado e asociacionismo son de balde para os voluntarios da Universidade. Todos eles son validables por 2 créditos de libre configuración ou 1 ECTS, agás o de dirección e xestión de asociacións, cun créditos de libre configuración.