DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A experimentación e os sons escuros e ambientais espállanse polo campus na despedida do ciclo Sonora09

Os británicos Mothlite ofreceron un concerto cargado de musicalidade delicada e orgánica

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 07/05/2009

Experimentación, delicadeza, metamorfoses musicais e sons escuros caracterizan o álbum de debut dos londinienses Mothlile, The Flax of Reverie, que presentaron este xoves no Teatro Vidal Bolaño como peche ao ciclo Sonora09 Primavera.
Sobre o escenario, o grupo do multi-instrumentista Daniel O'Sullivan ofreceu un espectáculo fiel a si mesmo, unha banda ambiciosa, seria e sofisticada marcada polo gusto polas ambientacións elaboradas, densas e longas. No campus vigués, o seu primeiro concerto en España, soaron escuros e precisos con pezas que es entrelazan creando un ambiente de metamorfose musical, de cancións dentro de cancións no que algúns especialistas xa teñen etiquetado como ambient-pop.
Mothlite aséntanse en pianos, guitarras e clarinetes, violíns, sintetizadores, lixeiros tratamentos electrónicos, ritmos básicos pero cunha presenza determinante e voces hipnotizantes. Voces que a miúdo se repiten en fervenzas e se enlean nunhas composicións que oscilan entre a nostalxia, a nocturnidade e a exaltación épica, cos mesmo Pink Floyd como referencia.
Como unha alianza de transgresora, Daniel O'Sullivan, o líder de Mothlite, traballa estreitamente con Antti Uusimaki, produtor e enxeñeiro de son de orixe finés, que ten traballado con xente da talla de Brian Eno o Tindersticks. A súa alianza apóiase en no saxofonista e clarinetista israelí Gilad Atzmon, Chloe Herington, a violinista Sara Hubrich e o batería Jaime Gómez Arrellano.

The Secret Society como teloneiros

Na derradeira xornada do Sonora09 edición de primavera, os encargados de abrir o concerto de Mothlite foron The Secret Society. O seu selo, Acuarela, relacionounos no seu lanzamento con nomes tan destacados no eido musical como Elliott Smith, Nirvana ou Joy Division, afastados no tempo e na distancia, segundo o propio grupo.
Tras o seu primeiro disco, Sad Boys Dance When No Ones Warching, chegou I Am Becoming What I Hate The Most, máis cru e directo que o anterior. A sociedade secreta está composta por Pepo Márquez e Jerónimo Martín e tanto os seus traballos como os seus directos están cheos de honestidade e autenticidade en todos os temas. Con guitarras acústicas e unha voz exquisita fixeron un repaso en Vigo dos seus dous traballos marcados por unha suavidade intensa con cancións maduras, vibrantes e moi persoais e sempre cargadas de nostalxia.