DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Francisca Fariña e Esther González Pillado dirixen as II Xornadas de Formación en Mediación Familiar

Expertas avalan a mediación como a mellor ferramenta para superar unha ruptura familiar

A presidenta da Asociación Estatal de Mediadores, Sacramento Barba, participou na primeira mesa redo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Iolanda Fernández DUVI 10/10/2013

Cando unha parella decide poñerlle fin á súa convivencia, ben sexa a través dunha ruptura, separación ou divorcio, estes dous individuos pasan, na maioría dos casos, por un proceso psicolóxico, social e xurídico “cargado de emocións negativas que poden repercutir na súa vida e na do resto dos integrantes da unidade familiar”, explica a psicóloga Dolores Seijo, membro do grupo de investigación da Universidade de Vigo PS1 que dirixe a catedrática de Psicoloxía Básica e Psicoloxía Xurídica do Menor, Francisca Fariña. Esta situación tórnase máis complexa ao estaren inmersos neste proceso os fillos ou fillas da parella que ven como o seu estado físico e psicoemocional se deteriora conforme avanza ou se materializa o cese da convivencia, segundo salientou Seijo no marco das II Xornadas de Formación en Mediación Familiar que comezaron este xoves na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

Unha aposta clara e decidida pola mediación como outro xeito de resolver ou redirixir un proceso de ruptura, separación ou divorcio sen necesidade de recorrer á Xustiza é a proposta que este ano trouxeron ata o campus de Pontevedra Francisca Fariña e a tamén catedrática de Dereito Procesal da Universidade de Vigo, Esther González Pillado. Para ambas as dúas profesoras era necesario que o alumnado soubese de primeira man do labor que desenvolve un mediador ou mediadora así como ata que punto a súa axuda pode ser beneficiosa á hora de resolver este tipo de conflitos. Para iso, “é necesario que a figura do mediador sexa coñecida e recoñecida pola sociedade e que, á súa vez, este coñeza á perfección a lexislación sobre a protección da infancia así como as consecuencias da ruptura desa convivencia e o posible impacto da mesma tanto nos pais coma nos fillos”, destaca Dolores Seijo.

A orientación que un mediador ou mediadora lle pode ofrecer a unha parella á hora de abordar o seu cese de convivencia cobra máis importancia cando tanto o pai coma a nai precisan dunha serie de indicacións que lles marquen o camiño a seguir na relación cos seus fillos nesta nova etapa das súas vidas. O éxito ou o fracaso deste proceso dependerá do xeito no que os pais manexen esta situación tendo en conta outros aspectos como a idade do cativo, o tempo que transcorreu dende a separación física dos seus proxenitores, as súas características persoais ou o apoio recibido e percibido por parte do menor, tal e como salientou a profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Educación María José Vázquez Figueiredo, nunha mesa redonda moderada pola avogada e mediadora Beatriz Fernández Muíños e na que tamén participou a presidenta da Asociación Estatal de Mediadores. Mediación y Cambio, Sacramento Barba.

Como lles afecta aos pequenos da casa?

Segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística a comezos do pasado mes de setembro, en España producíronse 6369 separacións e 104.262 divorcios en 2012, unha cifra que se mantén case constante nos últimos anos e que non recolle todos aqueles acordos aos que se chegou a través da mediación nin tampouco as nulidades matrimoniais. Do número total de separacións e divorcios rexistrados nos xulgados o ano pasado, o 57,7% das parellas tiñan fillos ao seu cargo, maioritariamente menores de idade. Aínda que unha separación non ten porqué representar necesariamente un impacto negativo nos máis novos “si cómpre pedir axuda a unha persoa especializada para contextualizar e resolver calquera conflito que poida xurdir nestes procesos”, explican as integrantes do grupo de investigación PS1 da Universidade, Dolores Seijo e María José Vázquez Figueirido.

Cando un menor afronta unha situación coma esta pode sufrir un estres tóxico que lle pode provocar, aínda que non en todos os casos, a aparición de episodios de asma, hipertensión, enfermidades coronarias ou dores de cabeza e estómago, sendo a adolescencia a idade máis propensa para isto. Cambios na súa conduta, depresión ou ansiedade son outras das consecuencias que poden traer consigo unha mala xestión por parte dos pais e familiares nun proceso de separación ou divorcio.

Galicia xa conta cunha delegación da Asociación de seu

A presidenta de Mediación y Cambio, Sacramento Barba, aproveitou a súa visita ao campus de Pontevedra para presentar publicamente á decana da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Francisca Fariña, como a delegada en Galicia desta asociación. Na súa intervención, a decana agradeceu o nomeamento e lembrou que a Universidade de Vigo sempre estivo moi implicada con esta temática ata o punto de que na actualidade o alumando interesado pode participar no mestrado Xestión e Resolución de Conflitos. Menores, Familia e Xustiza Terapéutica, no Curso de Especialista e Arbitraxe e en poucas semanas, no campus de Ourense, no II Congreso de Mediación. A maiores, Francisca Fariña ten estudado ao longo da súa carreira sobre esta temática tanto no grupo de investigación PS1 como a través da Asociación Iberoamericana de Xustiza Terapéutica que tamén preside.

Sacramento Barba presentou no salón da graos da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte á súa asociación como “un lugar de encontro para todos aqueles profesionais interesados e motivados pola mediación”, sendo os psicólogos, avogados e traballadores sociais os profesionais máis implicados nesta actividade. Para Barba, a apertura dunha delegación en Galicia servirá para promover a mediación, descoñecida para un amplo sector da sociedade, e fomentar o seu estudo e difusión a través da organización de feiras, foros de debate e outras actividades tal e como fan xa en Andalucía oriental e occidental, Castela e León, Asturias, o País Vasco os as Illas Canarias. Con todo, a presidenta da asociación a nivel estatal pediulle a Francisca Fariña que traballase dende a comunidade na constitución dun Rexistro de Mediadores “co que ofrecerlle ao cidadán a opción de elixir ao mediador mellor cualificado para o seu caso en concreto”, salientou.