DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nas Xornadas Universitarias Galegas en Xénero que se celebrarán no edificio Redeiras o 9 de xuño

Expertas en igualdade analizarán en Vigo o impacto da actual multicrise na violencia de xénero e na traxectoria investigadora das mulleres

Tamén se abordarán aspectos relacionados cos contidos docentes universitarios

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • HRS4R
  • Igualdade
  • Institucional
M. Del Río DUVI 19/04/2023

Como vén sendo habitual nos últimos dez anos, as tres universidades galegas unen unha vez máis as súas forzas para organizar as Xornadas Universitarias Galegas en Xénero, unha cita que terá lugar en Vigo o vindeiro 9 de xuño. As oficinas de igualdade das tres institucións son as responsables deste evento que, nesta ocasión, ten como lema Epistemoloxías feministas en acción. Como explica Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da UVigo, nesta oitava edición “queremos centrarnos en reflexionar sobre a orixe e evolución da orde política patriarcal e o seu impacto na andamiaxe cultural, institucional e cognitiva da nosa sociedade e das nosas universidades”. Con este obxectivo proponse unha xornada completa de debate para reflexionar, dende unha mirada crítica feminista, “sobre o actual contexto multicrise (guerra en Europa, crise ambiental, feminización global da pobreza, crise financeira, etc.) e o impacto que está a xerar na violencia de xénero e machista, na ciencia e na academia e tamén nos contidos docentes universitarios con perspectiva de xénero”.

Os obxectivos que as tres institucións académicas perseguen con esta xornada son impulsar a aplicación da transversalidade de xénero como un criterio de calidade académica; intercambiar experiencias entre o persoal docente e investigador que xa integre a perspectiva de xénero na súa práctica docente e/ou investigadora e quen teña interese en incorporala; potenciar experiencias innovadoras que inclúan a perspectiva de xénero como un eixe de traballo e promover a creación de redes de colaboración multidisciplinares para integrar a perspectiva de xénero na actividade universitaria.

Conferencias pola mañá e mesas redondas pola tarde

A xornada, que arrancará ás 10.00 da mañá no edificio Redeiras cun acto inaugural no que está prevista a participación dos tres reitores e da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, durará todo o día e contará tanto con sesións orais como póster, estando aberto o prazo para presentar propostas de comunicacións ata o vindeiro 28 de abril. 

A xornada estruturarase en tres áreas temáticas: violencia contra as mulleres, que se coordina dende a Universidade da Coruña; mulleres, ciencia e investigación, que depende da Universidade de Vigo e perspectiva de xénero na docencia universitaria, coordinado dende Santiago. Para abordar as temáticas relacionadas con estes eidos, o evento contará, como recalca Águeda Gómez, coa participación como poñentes principais con expertas destacadas como María José Rodríguez Jaume, da Universidad de Alacante, que impartirá a conferencia inaugural sobre A perspectiva de xénero na docencia universitaria; con Marta Macho Stadler,d a Universidade do País Vasco, que se centrará na perspectiva de xénero na investigación e transferencia universitaria ou con Magdalena Suárez, docente da Complutense de Madrid, que abordará as violencias machistas nas universidades. Xa pola tarde están programadas tres mesas redondas de debate sobre os tres bloques temáticos da xornada: docencia, violencia e I+D.

Unha cita que cumpre unha década

As Xornadas Universitarias Galegas en Xénero botaron a andar en 2013 como punto de encontro e reflexión para o persoal docente e investigador que traballa con perspectiva de xénero nas tres universidades galegas. Neste tempo tiveron lugar sete edicións, dado que aínda que comezou sendo anual, finalmente optouse por unha periodicidade bienal. En cada unha destas citas, que se foron alternando nos diferentes campus galegos, abordáronse temas diversos e de actualidade tanto para o mundo académico e dos estudos de xénero como para a sociedade en xeral. Por exemplo, tratáronse temas como os roles de xénero en tempos de crise, os roles de xénero nun mundo globalizado, os trazos de xénero no século XX; a perspectiva de xénero na docencia universitaria; a transformación dende a universidade; (Re)construíndo o coñecemento ou, na pasada edición as desigualdades de xénero en tempos de covid.