Na segunda xornada do ciclo ‘Conectando en Igualdade’
Expertas reclaman no campus que a Intelixencia Artificial tamén sexa feminista
Abordaron a necesidade de adestrar os algoritmos para evitar os nesgos, tanto de xénero coma outros
A Intelixencia Artificial (IA) debe ser tamén feminista. Baixo esta premisa, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, organizou este xoves unha nova xornada no marco do ciclo Conectando en Igualdade: a transformación do futuro tecnolóxico.
Este ciclo de actividades, que conta co apoio da Unidade de Igualdade e que continuará con próximas xornadas, ten como obxectivo concienciar á sociedade sobre a necesidade de que a tecnoloxía mude cara aspectos máis inclusivos, feministas e de diversidade. Trala primeira xornada dedicada ao ámbito aeroespacial, esta sesión xirou arredor da Intelixencia Artificial e contou coa participación de cinco mulleres expertas na materia.
A apertura da xornada, na sala 1 do edificio Miralles, contou coa participación de Martín Llamas, director de atlanTTic; Águeda Gómez Suárez, directora da Unidade de Igualdade, e Rebeca P. Díaz Redondo, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, que reivindicaron a importancia de adestrar á Intelixencia Artificial para fomentar a igualdade, debido ao impacto global que esta ten na sociedade.
Retos e desafíos da IA
Na mesa redonda participaron varias mulleres do ámbito da investigación académica e tamén do ámbito empresarial, que traballan en diferentes áreas da intelixencia artificial (IA). O panel de relatoras estivo formado pola catedrática da Universidade de Vigo Carmen García Mateo, investigadora da área Servizos Dixitais de atlanTTic; Ana Garriga Domínguez, investigadora do grupo MEDEA-Iuris da UVigo; Verónica Bolón Canedo, investigadora da área Intelixencia Artificial do CITIC da Universidade da Coruña; Silvia Abalo Bóveda, investigadora da área de Información Multimodal de Gradiant; Sonia Valladares Rodríguez, co-fundadora de DataSalus e investigadora do grupo de Sistemas Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela. O coloquio foi conducido pola investigadora e docente Edita de Lorenzo Rodríguez, enlace de igualdade de atlanTTic na UVigo.
As convidadas contaron as súas vivencias ao longo da súa traxectoria profesional e abordáronse multitude de cuestións ligadas á Intelixencia Artificial como a necesidade de adestrar os algoritmos para evitar os nesgos, non só de xénero, senón tamén de raza, de etnia, etc.; a regulación e a ética, así como o tratamento e a xestión das bases de datos (Big Data). Tamén se puxo enriba da mesa a necesidade de crear de equipos de traballo diversos e multidisciplinares, e a importancia educar á sociedade, con actividades de divulgación e de fomento das vocacións STEM.